21 de enero de 2019

Barata Minha Barata. Alberte Momán Noval

A barata é uma metáfora do que fica oculto, mas que, sem trascender, resulta determinante para o desenvolvimento do seu entorno. A barata passa a definir os mecanismos que operam no sistema, para se nutrir com o produto resultante. A barata, como a energia, não se cria nem se destrói só se transforma para se perpetuar.

Este relato fala de pessoas que moram no entorno da barata, que padecem de um sistema de regulamentações disciplinares elaboradas para que as engrenagens funcionen.

Inspirado pelas grandes distopias da literatura, este relato caminha entre o Big Brother e a mais insignificante infra-penalidade.

Barata Minha Barata - Alberte Momán - KindleGarten


Barata Minha Barata é a última novela de Alberte Momán Noval, publicada pola editorial portuguesa Chiado Books na súa colección Palavras Soltas. Tras empregar o castelán en Lapamán, a súa novela anterior, volve ao portugués de Ocidente.

En Barata Minha Barata imos ollar como acrisolan os tropos recorrentes no universo literario de Alberte Momán, e como a figura simbólica da baratacascuda ou carroucha no galego da Galiza— vailles servir de fío condutor.


O escenario


Como no resto de obras do autor, cómpre máis falar de escenario que de trama. Voltamos atopar a cidade innomeada, a urbe coma un non-lugar de señardade, sordicie e inmundicia. A cidade que illa ás persoas, que as amorea en multitudes que a percorren sen comunicarse e que as guinda aos bares como recuncho último de socialización.

Igual que en Vattene! ou Ocidente, temos un mundo esmorecente, no que a cidade recibe os ecos dunha guerra indefinida que a rodea, que a isola e que está presente malia que non impide que os seus habitantes continúen vivindo nunha cotidianidade indolente.

Aquí a cidade chega, como máxima expresión distópica do seu carácter illante, a segregar aos cidadáns en zonas segundo a súa clase social, con liñas brancas no chan que separan espazos e que non é posible ultrapasar sen verse sometido ao exame da Policía, ao xuízo institucional.

A subversión


Barata Minha Barata conta con outro elemento recorrente do autor, que xa fora fío argumental de Lapamán. A existencia dun grupo subversivo, dunha resistencia ao sistema. Se alí era Alamut, acó é un ente vago, impreciso, cunha presenza de seu na primeira parte da novela e que persiste de xeito xordo ao longo do resto dela.

Alberte Momán - KindleGarten


Sendo unha historia fortemente distópica, isto permite a Alberte Momán retratar unha sociedade que esmaga as arelas individuais e as diferencias, que esixe submisión de facto, ideolóxica e condutual.

A barata contra Alphaville


O Alberte Momán depura acó o seu estilo impresionista, a súa capacidade de condensar o texto limpándoo de artificios, reducindo a súa novela a 105 páxinas. Trátase de crear a meirande cantidade de imaxes no menor texto posible. Por iso as súas ideas son tanexpresivas e crean significacións tan vívidas no lector.

Neste eido, a lectura de Barata Minha Barata evoca, na súa atmósfera e nos seus diálogos, á Lemmy contra Alphaville de Jean-Luc Godard. A mesma sensación opresiva de absurdo, as conversas cincentas e átonas, os convencionalismos esmagantes, a represión pesando no aire. Pode ser Le Jetée de Chris Marker ou a distopía que queiramos, pero Barata Minha Barata comparte co cine da nouvelle vague a súa capacidade para expresar desposuíndo de artificios a mensaxe.

Vemos así que as baratas son metáfora e alegoría. Ao longo da narración van medrando en número e tamaño. Gañan poder e autoridade moral, convértense mesmo en axentes represivos. Poderiamos dicir que se apropian da cidade, que desprazan aos humanos, ocupan o seu espazo. As riadas de baratas xurdindo dos sumidoiros lembran a They're Creeping Up on You! daquela trasnada de George A. Romero e Stephen King que foi Creepshow. Ou ás da comedia negra Joe's Apartament. Apoderándose de tal xeito, fan recordar o poema Dato biográfico de Ángel González.

Vidas prestadas


Cunha narración de historias cruzadas, Alberte Momán insiste nun dos piares da súa obra literaria: a das persoas que non levan o leme das súas vidas, como se estas foran prestadas e non lles perteceran de seu. Persoas cuxos traballos son mera fonte de subsistencia e tempo roubado á existencia. Como se estivesen nun permanente impasse.

Barata Minha Barata - KindleGarten


O surrealismo permite ao autor que os seus personaxes, innomeados e pouco más que bosquexados, e os seus actos gañen en expresividade, por medio da hipérbole. Temos así persoas cuxa única arela é vivir, simplemente, sen futuro nen expectativas. E para as cales, aínda así, existir é unha tarefa gravosa, que precisa dun esforzo ímprobo.


Surrealismo, erotismo e sordicie


Alberte Momán volve enchoupar a súa novela dun forte compoñente erótico-sexual, non tan vencellado a termos de dominio-submisión coma en libros anteriores pero si reducido ao seu apartado físico, mesmo cun notable carácter sórdido. É difícil non trazar paralelismos co sexo excéntrico e desenfreado de William S. Burroughs —The Naked Lunch— ou coa crudeza violenta de Boris Vian.

O erotismo aparece, coma outros comportamentos dos personaxes, dentro dunha perspectiva acusadamente solipsista. Se ben a preocupación por este pensamento xa se traslucía nas anteriores obras do autor, en Barata Minha Barata é a primeira vez que o solipsismo e os seus principios se citan expresamente.


Unha novela complexa


O universo literario de Alberte Momán é personalísimo e por momentos difícil, pois require unha certa disposición e compartir o seu uso cultista —non culteranista— da linguaxe. Neste senso, é un autor fiel a si mesmo e á súa concepción da narrativa, que fai poucas ou ningunha concesión. Barata Minha Barata fornece o seu corpus literario e o conxunto de tropos que, como dixemos, se atopan en todo o seu traballo e fan que sexa tan persoal.


Onde atopala


Barata Minha Barata pode mercarse na loxa online Imosver.




Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Al dejar un comentario, se entiende que has leído la política de privacidad del blog y das tu consentimiento expreso al uso y tratamiento de tus datos personales.

Archivo