19 de noviembre de 2018

DX. Eli Ríos

Ola. Son Andre. Sobrevivín á avaricia e ao capitalismo máis atroz.

Aquí, na Horta do Cura, chegou o momento de comezar a reconstruírnos.

Acompáñasme?

DX - Eli Ríos

DX —pronunciado Di.Eks, coma se indica no texto— é a primeira novela de Eli Ríos con Urco Editora —antes publicara o caderno sobre María Victoria Moreno na colección Mulleres bravas da nosa historia—, e edítase dentro do selo de produción propia Alcaián. Por prantexamento narrativo, temática e extensión —só 166 páxinas— faise un produto axeitado para o público xuvenil, mesmo como lectura escolar. 

Eli Ríos está cómoda no xénero fantástico —xa escribira os infantís Bicha e Marta e a píntega, ademáis de participar cun relato no volume El vigilante de las estrellas y otros cuentos, de Cazador de ratas—, e agora incursiona na ficción científica cunha novela ambientada no futuro inmediato, nunha Coruña que aparece retratada na capa, por medio dunha fotografía panorámica tirada dende o campus universitario de Elviña —o encadre amosa un fragmento da Facultade de Arquitectura—, lugar que concentra a meirande parte dos acontecementos.  

Os feitos ubícanse na noitevella de 2029 a 2030, e céntranse na existencia dunha empresa de biotecnoloxía e investigación médica chamada DX, punteira no seu eido e cuxo dono encabeza a lista Forbes. A primeira boa nova é que A Coruña desbotou o téxtil e o turismo como caseque únicas industrias. En DX traballan Morgan e Andre, con funcións moi distintas: Morgan ten un posto técnico cualificado e Andre encárgase das tarefas de limpeza. Ambos involúcranse afectivamente e pasan xuntos a noitevella. Á mañá seguinte a trama dá un xiro radical e inesperado e comeza unha carreira na que os protagonistas tentarán tanto sobrevivir como entender o ocorrido. 

Mais o feito diferencial de DX non é ser unha historia de survival horror, senón a deconstrución dos seus personaxes. Eli Ríos creou a Morgan e a Andre sen marcas de xénero. Dende os seus nomes, non hai nada que permita identificalos como home ou muller. Nin os diálogos nin a diéxese —cunha ausencia de descripcións que colabora á brevidade do texto— dan sinal algún, ao longo de toda a narración, do xénero de Morgan e Andre, co cal tampouco da súa orientación sexual —agás de que son alosexuais, pois manteñen un encontro físico—. Escena narrada cun salientable sentido do erotismo, mais referíndose sempre ás partes de corpo comúns, evitando traizoar a idea deconstrutiva.

Eli Ríos

A narración emprega o presente, co cal aumenta a sensación de inmediatez, e alterna a terceira persoa por un narrador externo e a primeira persona dende o punto de vista de Morgan. Dividido en capítulos moi breves, a novela crea moitos puntos onde repousar a lectura e tamén proporciona o ritmo urxente, apremante que require unha historia deste tipo. 

A lectura, por tanto, faise a un ritmo moi alto e o libro remátase ben axiña. De feito a súa única eiva é a sensación de facerse curto, de que disfrutariamos dunha maior extensión para explicar algo máis polo miúdo as motivacións do personaxe que desencadea os acontecementos. Se ben a intención de Eli Ríos semella ser a de que todo quede suxerido, bosquexado, de non darlle todo mastigado ao lector. 

DX é unha historia de emocións e de sentimentos, na que o trasfondo de ficción científica resulta plausible —inclúense dúas fotografías macro das que transforman unha bacteria nun arrepiante monstro alieníxena— máis debemos poñer o obxectivo sobre a relación entre Morgan e Andre e a súa evolución persoal forzosa, acelerada polas circunstancias. Comportándose como persoas deconstruidas, desaparecen os roles de xénero propios das historias de supervivencia: non hai cabaleiros de brillante armadura nin doncelas en apuros. Só dúas persoas axudándose, desenvolvendo empatía mutua —e por terceiros, en particular cando aparece en escena a pequena Lis— e facendo sacrificios polo outro. 

É tamén unha alegoría do capitalismo, unha parábola intencional sobre a situación na que un sistema cobizoso, cada vez inhumano, deixa ás persoas, despoxándoas de todo, mesmo da súa liberdade. A intención de Eli Ríos é, en calquera caso, mover á reflexión, como debe facer sempre a ficción científica. 


DX está dispoñible en librarías e na páxina de Urco Editora

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Al dejar un comentario, se entiende que has leído la política de privacidad del blog y das tu consentimiento expreso al uso y tratamiento de tus datos personales.

Archivo