17 de enero de 2018

Saturno tamén é deus, de Uxía Casal: o escuro e o estraño

Nos catorce relatos que compoñen Saturno tamén é deus o descoñecido, a angustia, o medo e mesmo a morte aparecen como un elemento común, que asume unha condición protagónica e activa, con tal poder que son quen de converter os seres humanos en meros instrumentos dun xogo no que camiñan ás cegas polo fío que separa a loucura da cordura.
Catorce relatos de medo nos que a ben dosificada intriga ofrece unha conclusión sorprendente e inesperada que manterá a quen os lea coa sensación de non poder desprenderse deles.

Saturno Tamén É Deus Uxía Casal

Foi en 1997 que Uxía Casal publicara coa Editorial Galaxia a primeira edición de Saturno tamén é deus. Agora Urco Editora presenta esta nova edición do título, co valor engadido dunha coidadosa revisión por parte da autora e fornecida cun novo relato: «O pequeno Mario», que aparecera no volume Narradoras, publicado por Xerais no 2000.

A autora compostelá amósase nesta colección como depositaria privilexiada da tradición do relato estraño, do weird, do conto inquedante e escuro. Practica así un subxénero do terror pouco cultivado na literatura galega nos tempos da primeira edición, pero cunha acollida e unha popularidade moito maior hogano.

Na súa variedade, todos os relatos teñen compoñentes comúns. A nivel estructural, un desenvolvemento que mantén a tensión narrativa durante todo o texto e que precipita un final catárquico e imprevisto. A nivel temático, un terror nado no mundano, en escenarios e situacións cotiás que non precisan de elementos fantásticos -malia que tamén os haxa- para estarrecer, pois baseanse no horror procedente do noso interior, na verquente escura da natureza humana.

Por Saturno tamén é deus pasan todos os nosos medos: a morte, abofé, e tamén a señardade, a caída na tolemia, o abandono e a perda dos seres prezados, a incomprensión, a enfermidade... neste aspecto os relatos de Uxía Casal son un exercizo de introspección psicolóxica, cunha salientable definición dos personaxes mediante a súa psique e as súas motivacións. Algo sempre difícil de acadar en relatos de doce páxinas de extensión media. Este traballo dedicado cos personaxes ven favorecido polo emprego das voces narrativas, primeira ou terceira segundo o relato, mesmo en forma de diario («O silencio») ou de testemuño enmarcado («O soño de Don Froilán»).

A colección queda encadrada polo primeiro e derradeiro relatos, «Accidente» e «Por que non queren escoitarme?», protagonizados polo mesmo personaxe. Ambos os dous transmiten unha fonda sensación de futilidade, de nihilismo, o primeiro -ademáis do polo seu retrato da soidade moderna, propio dun cadro de Edward Hopper- polo seu desenlace cruel, e o segundo pola súa atmósfera kafkiana e abafante.

Saturno Tamén É Deus Uxía Casal

En Saturno tamén é deus hai do mesmo xeito relato policíaco («O soño de Don Froilán»), historias de terror gótico e monomanías («O trebón»), terror weird que semella tirado dun vello número da revista Creepy («Xogo de nenos»), horror macabro con concesións ao gore («Gaivotas de interior»), contos con compoñente sobrenatural («O patio de Carmiña» e «A voda de Elías») e unha peza de ourive, «O pequeno Mario», que xoga coa crueldade inherente á nenez, desquiciada cunha volta de porca nun final no que o lector debe construir o resto da historia que fica sen relatar.

Porque velaí outro feito propio do estilo de Uxía Casal: a sensación de que as historias non quedan contadas polo miúdo, senón que precisan da proactividade do lector para encher os ocos do omitido á mantenta.

No apartado formal, a autora emprega un estilo narrativo moi coidado, agradecido, que proporciona unha lectura pracenteira. No traballo de revisión puiu cada detalle e a narración desenvólvese con claridade e concisión, amosando una notábel capacidade de síntese e un grande acerto na adxectivación, acadando a meirande expresividade sen que a condicionen as limitacións de espazo do formato.

Poderiamos dicir que hai vinte anos Uxía Casal introduciu na literatura galega un xeito de escribir terror no que se cren adiviñar dende os clásicos do horror gótico (sexan Poe ou Chambers), grandes nomes do weird como Robert Bloch ou Robert Aickman e retallos do cine de Alfred Hitchcock. Fronte a fría acollida daquel tempo, á fin o público galego está preparado para a desacougante ollada ao escuro interior da ialma humana dos catorce relatos de Saturno tamén é deus.


Saturno tamén é deus pódese mercar na web de Urco Editora.

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Al dejar un comentario, se entiende que has leído la política de privacidad del blog y das tu consentimiento expreso al uso y tratamiento de tus datos personales.

Archivo