6 de abril de 2018

Coraline: Neil Gaiman en Galego con Urco Editora

Cando Coraline chegou a aquela nova casa, non podía imaxinar o que agardaba por ela detrás da porta cegada da sala.

Calquera cativa podía imaxinar un cuarto oculto, un rocho cheo de misterios e cousas vellas, mais outro edificio idéntico ao dela? Non, iso estaba alén da súa imaxinación.

Así e todo, non era idéntico de todo. Nese outro mundo alén da porta fechada da sala había algo raro e excéntrico, especialmente se se tiña en conta que o gato negro do xardín falaba e todos os seus habitantes humanos tiñan botóns cosidos no lugar onde deberan de estar os seus ollos.

Coraline, de Neil Gaiman, Urco Editora

A edición de Coraline por parte de Urco Editora supón un fito salientable: a publicación, por vez primeira en lingua galega, da obra dunha das voces máis senlleiras do xénero fantástico contemporáneo. Escritor, guionista de banda deseñada, cine e televisión, o británico Neil Gaiman xa se pode ler en galego, co esforzo de Urco e cunha tradución de Tomás González Ahola. A capa desta edición, de 150 páxinas ─Coraline é unha novela curta, que se le nunhas poucas horas─ é un deseño de Xosé María Picón

Coraline é unha historia de fantasía, protagonizada por unha nena, Coraline Jones ─non Caroline, malia que moitos teñan a teima de lle chamar así─, que non é feliz coa súa nova vida. Ven de mudarse cos seus pais a un novo predio de apartamentos, onde viven uns inquilinos ben estraños: o señor Bobo, un inmigrante do leste de Europa que supostamente adestra en segredo un circo de ratos, e as señoritas Spink e Forcible, dúas anciáns gordechiñas, antigas actrices que agora viven rodeadas dunha manda de cans Terrier escoceses. 

A Coraline non lle gusta a súa nova casa, nin que os seus pais estean todo o día a traballar cos seus ordenadores e non teñan tempo para ela, nin os xantares vexetarianos que cociña o seu pai, nin o uniforme cincento do seu novo colexio, nin non acadar nunca o que quere. As súas exploracións lévanna unha e outra vez á unica porta da casa que está sempre pechada. Unha porta que polo día está cerrada con tixolos, pero que á noite se abre a un mundo fantástico onde ten outra familia e outra casa. Onde a súa Outra Nai cociña todo o que lle gusta, o seu Outro Pai ten todo o tempo para xogar con ela e onde pode ter todo canto lle pete. Claro que na vida non cómpre acadar sempre o que un quere, e as cousas ás veces non son tan marabillosas como semellaban ao principio.

Coraline, de Neil Gaiman, Urco Editora

Coraline é unha nova viaxe do heroe, con todas as súas fases e todos os seus elementos. Pero, coma sempre ocorre na fantasía, o que importa non é a estructura subxacente á historia, que sempre é a mesma, senón como está contada. Gaiman toma reminiscencias de Alicia no país das Marabillas, do Pinoccio de Collodi ─en tanto, como aquel, a súa novela ten un aquel monitorio─ e de tantos antecedentes semellantes para conformar unha nova aventura na que Coraline, guiada e acompañada por un gato capaz de viaxar entre os mundos, non só terá que regresar a casa, senón tamén restablecer a orde e rescatar aos seus pais do Mal que espertou coa súa ousadía. 

A fantasía é, á vez, a orixe e a solución dos problemas de Coraline. Gaiman crea así unha historia redonda, ateigada de elementos simbólicos ─a chave que abre a porta entre mundos, e cuxa posesión garante o acceso entre eles; a porta, o pozo, os botóns coma ollos, como teñen os ursiños de peluxe e as bonecas de farrapo...─ que coma toda viaxe do heroe ten un compoñente iniciático e de maduración. Coraline aprende que a verdadeira felicidade non consiste en ter todo o que se desexa, e podese dicir que a novela de Neil Gaiman agocha así una certa intención moralizante. 

O texto non carece de humor, negro e ácedo moitas veces, con figuras bufonescas como o Señor Bobo ou outras máis elegantes coma o Gato, verdadeiro Virxilio da historia ─un papel semellante para este animal, o de misterioso e autosuficiente viaxeiro entre mundos, podémolo ver dende o Gato de Cheshire da Alicia de Lewis Carroll ata o Jim-Jim da serie xuvenil O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila─.

Coraline é unha novela divertida, lixeira e cun doble nível de lectura que permite o seu desfrute por lectores de calquera idade. A influencia doutro ilustre británico, Roald Dahl, é moi notable no texto, tanto pola complicidade do autor coa protagonista e co mundo da infancia en xeral, como pola crítica social cara os adultos e a súa obsesión co traballo, que os leva a desantender ás súas crianzas. De tal xeito que Coraline pode convertirse nunha novela perfecta para ler e partillar en familia.


Coraline, de Neil Gaiman, Urco Editora

Coraline foi adaptada ao cinema no ano 2009, no filme homónimo, titulado en España Los mundos de Coraline. O filme emprega varias técnicas de animación, tanto por ordenador como stop-motion, e foi un éxito de crítica e público, acadando unha grande recadación e o nomeamento á mellor película de animación para os premios Óscar e Globo de Ouro.

A cinta introduce moitos e moi sustanciais cambios con respecto á novela, como a figura de Wibie, o neno amigo de Coraline, que na novela apenas está suxerido, e aquí é un personaxe importante. Ou a presenza dunha boneca que reproduce a figura de Coraline, que a Outra Nai emprega para espiar á cativa, e que na novela non existe. Mesmo o tamaño da porta, que na novela é unha porta normal, e que na película é unha portela pequena, o que fornece a súa semellanza con Alicia no país das Marabillas. O director, Henry Selick, xa se encargara antes doutras produccións como The Nightmare Before Christmas o James And The Giant Peach, e fixo un bo traballo adaptando a obra de Gaiman, encargándose tamén do guión. 



Coraline pode atoparse na páxina de Urco Editora ou nas librarías do país.

ISBN 978-84-16121-91-5
Data de publicación: 01/12/2017
Prezo: 12,50€

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

¿Qué te ha parecido? ¡Deja tu comentario!

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo