6 de septiembre de 2017

Andrade: O lobishome da Ulloa - Sergio Willand

Din que nos tempos das meigas e dos conxuros algo estraño sucedía nos montes da Ulloa. Somentes o paso dos anos puido borrar a lembranza das antigas historias que a carón do lume os máis vellos narraban ós pícaros da casa. Historias que falaban de trasnos, da Santa Compaña e de pactos co mesmo diaño. Máis por moitos anos que pasen algo perdura sempre na mente dos habitantes da comarca. Algo se aferra ó córtex daqueles que pese a esquecer, seguen mirando ó seu arredor antes de pechala porta da casa; os mesmos que se inquedan cando escoitan o ladrido dos cans sen motivo aparente ou senten un arrepío nas noites nas que nin a lúa se deixa ver.

Andrade: o lobishome da Ulloa

Andrade: O lobishome da Ulloa é a cuarta novela de Sergio Willand e a primeira escrita en galego. Nela presenta o personaxe de Xoan Carlos Andrade Couto, un inspector da Policía Nacional suspendido do corpo pola brutalidade dos seus métodos heterodoxos, que é readmitido para investigar a morte, na vila de Monterroso, da moza Sonia Arxiz. 

Pola inclusión do apelativo do personaxe no título podemos entender que Willand ten previsto, nalgún momento, dar continuidade á andaina do inspector, que nesta primeira aventura ten por compañeira á inspectora Susana Camaño, quen servirá como contrapunto a Andrade e permitirá ao autor o xogo caos-orde, que tan ben adoita funcionar nas parellas de policías con caracteres opostos ou buddy cops

Andrade é un personaxe máis vencellado aos vellos detectives do hard-boiled estadounidense clásico que aos protagonistas da novela negra contemporánea. Ten moito máis do Mike Hammer de Spillane ou do Axente da Continental de Hammet que do Montalbano de Camilleri ou do Wallander de Mankell. Rudo, violento, expeditivo, misántropo, marcadamente machista e armado cunha pistola antirregulamentaria, a Estoupadora que lembra á Magnum .44 de Harry Callahan ou á Betsy de Mike Hammer, por momentos resulta inverosímil e estereotipado e por momentos patéticamente humano e real. É un personaxe que pode ofrecer unha traxectoria interesante para os amadores da novela negra máis xenuina, o hard-boiled, pero que se afasta dos protagonistas do xénero detectivesco actual, polo xeral máis descafeinado.

Andrade: o lobishome da Ulloa
Monterroso, capital da Ulloa, escenario da novela

Sergio Willand propón unha trama policíaca plausible -tendo en conta o elemento fantástico-, ambientada nun escenario crible, poboado por personaxes reais, tirados da nosa contorna cotiá. Andrade supón, co seu carácter brutal e circulando a altas velocidades pola comarca da Ulloa nun Ford Mustang vermello, o elemento discordante nunha trama que, por outra banda, posúe compoñentes sobrenaturais vencellados ás lendas tradicionais galegas.

Precisamente, a inverosimilitude que poida supor Andrade no conxunto da obra da pé ao momento máis suxerente da novela: un xiro argumental no que se cuestiona todo o lido e se impón a dúbida sobre se toda a trama era real ou mental. Dúbida que custa despexar e que leva o relato de Sergio Willand a un eido dickiano que o emparenta tamén coas vellas novelas de espionaxe nas que o lavado de cerebro era práctica habitual. 

Andrade: o lobishome da Ulloa combina dous puntos de vista narrativos: a terceira persoa heterodiexética e omnisciente, e a primeira persoa participante, na voz de Susana Camaño, un personaxe que resulta auténtico, natural, totalmente oposto a Andrade en carácter e modo de proceder como policía. De tal xeito que o protagonismo está partillado entre os dous, e Susana, a moza que renunciou á enfermeiría para ser cumplir o seu soño de policía, non se limita a ser unha apoiatura narrativa para o inspector. 


Andrade: o lobishome da Ulloa
No lugar da Peneda, no río Ulla, transcorren sucesos importantes da trama

O escenario síntese vivo, e amosa un coñecemento directo por parte do autor. Tanto os lugares como os secundarios que o ocupan fanse recoñecibles, síntense propios, e reflicten unha labor de tipismo sen estereotipos nen lugares comúns. De tal xeito, acada transmitir unha sensación de cercanía, de verismo, que contribúe a aminorar o abrupto papel que xoga Andrade na novela. 

Como novela negra, Sergio Willand ven de escribir unha historia atractiva, que logra atrapar o interese do lector e mantelo ao longo de todo o texto. O uso das dúas voces narrativas e o compoñente sobrenatural, que a meirande parte do tempo permanece velado para estoupar no último tramo da novela, enganden valor ao texto, facéndoo máis entretido. 

Nos aspectos formais, percíbese a evolución do estilo narrativo do autor, que xa amosaba na anterior El camino del alquimista (novela que, nun exercizo de autoficción, aparece dentro desta outra), e que se manexa con comodidade en obras de media extensión.

O prantexamento narrativo é sinxelo, malia que combina varias liñas argumentais paralelas, e reserva espazo para varias analepses, coas que afonda no pasado dos personaxes, tanto Andrade como Susana, facéndoos máis humanos e dándolles máis entidade literaria.  

Andrade: o lobishome da Ulloa
Parque fluvial de A Peneda, en Monterroso

Cómpre sinalar que o galego empregado non se cingue de todo á normativa RAG, e que existe algunha cuestión ortográfica ou lexical revisables (coma o uso de «pobo» por «vila» de xeito recorrente), e que o rexistro dos diálogos é marcadamente coloquial e mesmo soez en ocasións. Isto pode desgustar a algúns lectores, pero enténdese que é para reflectir dun xeito máis realista o carácter dos personaxes e o ambiente sórdido no que se moven. 

Como último detalle, Andrade: o lobishome de Ulla é unha historia violenta, que inclúe asasinatos brutais, corpos despezados, escenas sanguentas -fornecidas polo elemento fantástico e sobrenatural- e linguaxe explícita. Do mesmo xeito a misoxinia, a fachenda e a brutalidade coas que se conduce Andrade poden ferir a sensibilidade dalgúns lectores. Algo propio da tradición hard-boiled na que se insire, nesta novela negra galega coa que queda presentado o personaxe de Xoan Carlos Andrade, unha figura fortemente influída pola de duros senlleiros como Harry Callahan, Mike Hammer ou Sam Spade.


Sergio Willand

Andrade: o lobishome de Ulla é unha novela autopublicada e pode mercarse en Amazon.

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes