28 de junio de 2017

Dormir com Lisboa - Fausta Cardoso Pereira

Lisboa engole aqueles que a pisam. A calçada abre buracos para depois os fechar, como se nada tivesse acontecido. O desaparecimento inexplicável de cidadãos comuns em Lisboa é o ponto de partida para várias dimensões ficcionais entrançadas, como se cidade e texto fossem uma coisa só: um labirinto.

Enquanto o desconforto e a desorientação instalam-se na capital e os personagens procuram entender e resolver o problema dos desaparecimentos, Lisboa revela-se enquanto sistema vivo, com vontade própria, impossível de controlar.

Dormir com Lisboa é uma história que em vez de contar, pretende ouvir o que a cidade tem para dizer. É um abraço a uma cidade velha num contexto económico que a transforma todos os dias.


Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso Pereira, é a obra gañadora do II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica convocado por Urco Editora e a Fundación Vicente Risco, entre outros colaboradores. Fallado na vila de Allariz en febreiro do 2017, está galardonado con 3000 euros, a publicación da obra por parte de Urco Editora dentro do selo Dr. Alveiros (estreado o ano anterior coa edición de Querido H.P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, gañador da primeira edición e membro do xurado nesta segunda) e cunha espada de dúas mans a xeito de trofeo conmemorativo.

Escrita en portugués, lingua natal da autora, Dormir com Lisboa mestura a fantasía, o realismo máxico, o costumismo e o neorrealismo para ofrecer unha historia que renuncia deliberadamente a un núcleo argumental forte en prol do desenvolvemento do escenario, que remata sendo protagonista de seu. Lisboa, ou as moitas Lisboas que son e foron, é o personaxe ao redor do cal Fausta Cardoso constrúe unha novela coral, como un mosaico de azuleixos dos que tanto gostan os portugueses, e que somentes se percibe en pleno observando todo o conxunto.

Dormir com Lisboa divídese en catro partes de extensión desigual, e un total de vintecatro capítulos. A historia transcorre entre o 6 de maio e o 1 de xuño dun ano non determinado da nosa época actual, e está narrado en terceira persoa por un narrador omnisciente, testemuña e participante mais non protagonista, que en momentos puntuais cede a labor a terceiros. Este personaxe, o Arquitecto de Lisboa, serve tanto de elemento de cohesión narrativa como de compoñente fantástico: un vellouco vestido cun longo robe vermello, un dos moitos malucos sen fogar que vagan por Lisboa, pero tamén un ser estraño, cuasipantasmal, que se move entre a realidade e a fantasía e que fiará todas as experiencias individuais que á fin compoñerán o collage proposto pola Fausta Cardoso.


O argumento de Dormir com Lisboa resúmese en que diversas persoas, de súpeto e sen razón aparente, son engolidas polo chan en diversos lugares de Lisboa ao longo de varios días, por buratos que se abren e despois se pechan sen deixar pegada. O goberno da nación e a cámara municipal crean dúas comisións de crise para tratar o tema, con expertos como o xeneral Gustavo Pacheco o a doutora Ana Bragança, científica de prestixo internacional. As distintas experiencias de cada persoa, as reaccións dos lisboetas e o resto da nación portuguesa e os interrogatorios policiais aos achegados dos desaparecidos permiten a Fausta Cardoso tecer un retrato costumista e máxico de Lisboa, da súa muda constante, da vida cotiá do pobo que a conforma e da súa identidade en continua perda e transformación.

Así, Lisboa amósase coma un ser vivo, coma un ente orgánico que non é monolítico, e que está conformado por tantas Lisboas como persoas acolle, lisboetas, turistas ou aqueles que nela traballan ou moran sen dela sentírense. Toda a narración transmite unha fonda sensación de saudade pola Lisboa perdida, pola cidade que foi e que hoxe fica esborallada pola especulación urbanística e por unha globalización que ameaza a identidade dos barrios máis senlleiros da geografía lisboeta, eses que todos coñecemos mesmo sen ter visitado a cidade. Nin un parágrafo tardan en aparecer Alfama, Madragoa, Mouraria, A Graça ou Bairro Alto, iconas da cidade hoxe ateigadas de turistas e víctimas da gentrificación.

A prosodia da Fausta Cardoso é calma, repousada, e Dormir com Lisboa non é unha obra de tensión narrativa, nin de xogo entre tensión e distensión, senón unha sucesión de escenas que procuran crear imaxes e suxerir sensacións ao lector. Para o cal a autora se serve dun estilo narrativo limpo, sobrio, coidado e mesmo un chisco formal. E malia todo fica espazo para a lírica no exercizo constante de prosopoeia que convirte a Lisboa nunha muller con sentimentos, ideas e emocións, dende o fermoso incipit «Lisboa acordou zangada. Lisboa adormeceu satisfeita. Entre um momento e outro, Lisboa esteve furiosa».


Nesta prosopoeia entra a idea da desorientación. ¿E se Lisboa, como ente pensante, tivese a idea de reaccionar, de facerse ouvir polos seus habitantes, de provocarlles, de buscar a súa reacción? E así temos o compoñente fantástico, que vencella ademáis co pasado soterrado da cidade. 

A lectura de Dormir com Lisboa é doada, mesmo para quen non estea afeito á normativa AGAL, fóra duns cantos «falsos amigos» lexicais (un abrigo é un albergue, e un agasalho é un abrigo; unha bilha non é unha billa senón unha xerra de barro; un motorista é un chofer...) e dos termos sen correspondencia en galego que ben resolven tendo a man calquera dicionario online. 

Fausta Cardoso ofrece una ollada diferente a Lisboa, enchoupada dunha saudade que case semella herdada dos fados dos barrios que percorre o seu romance: Alfama, Mouraria, Madragoa, A Graça, o Chiado... o sentimento que ver morrer as pedras dunha cidade, sustituidas polo alcatrán; de fontes, chafarices e lavadoiros que esvaecen, de ríos que sumen canalizados baixo a terra; de comercios tradicionais suplantados por impersoais franquicias idénticas a de calquera outra cidade do mundo; dos ritmos lentos e os silencios rendidos ao turismo de masas co seu balbordo e o seu rebulir constante... abondo para espertar a empatía de calquera dos que vivimos nunha cidade turística, sexa Lisboa, Barcelona, Compostela ou A Coruña.

De xeito que Dormir con Lisboa resulta unha lectura agradecida, tanto por supor un achegamento á literatura fantástica portuguesa actual, como por demostrar a amplitude que permite o xénero fantástico, manexándoo fóra dos limiares que tradicionalmente se lle asignan.



ONDE ATOPALO:

Dormir com Lisboa pode mercarse por 17 euros na tenda en liña de Urco Editora sen gastos de envío engadidos, na páxina do Consorcio Editorial Galego, ou nas librarías do país. 


LIGAZÓNS DE INTERESE:

Fichas do libro e da autora na páxina de Urco Editora. 

Fausta Cardoso: Páxina web, Facebook

Entrevistas coa autora en Biosbardia, Palavra Comum e LuxWoman


FICHA TÉCNICA:

DORMIR COM LISBOA
Colección: ALCAIÁN, DR. ALVEIROS
Autora: FAUSTA CARDOSO PEREIRA
Páxinas: 235
Formato: 153x230mm
Encadernación: Rústica con lapelas e capas fornecidas
ISBN: 9788416121762
PVP: 17€


Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes