4 de abril de 2017

Antes de Adán - Jack London

Velaquí unha desas estrañas obras de Jack London, pouco difundidas e traducidas, pero dun interese intrínseco enorme. O autor californiano experimenta máis unha vez co concepto de memoria racial para vincular as vivencias dun home das cavernas, pouco máis que un simio algo evoluído, cos recordos dun mozo estadounidense. Antes de Adán é un trepidante relato de aventuras, a biografía dun dos devanceiros da humanidade contada pola pluma dun dos mellores narradores do século XX.


Recoñecido universalmente polas súas novelas de aventuras (Cabeiro branco, A chamada do salvaxe), Jack London fixo tamén notábeis achegas á Ficción Científica. En Antes de Adán (Before Adam, publicada por entregas entre 1906 e 1907) adscríbese á Teoría da Evolución e prantexa un concepto vencellado ao inconsciente colectivo que prantexou Carl Jung, e que había derivar despois nas distintas Teorías da memoria racial ou memoria atávica

O protagonista é un home de principios do século XX que, dende neno, ten soños nos que lembra as vivencias dun lonxano antergo: un homínido do Plistoceno Medio. Este antepasado, descrito como «máis que un mono e menos que un home» pertence a unha especie que convive con outras dúas: os Homes das Árbores, seres arborícolas semellantes aos actuais macacos, e os Homes do Lume, seres bípedos, con escaso pelo corporal, cubertos con peles, capaces de construir e empregar armas e ferramentas, con avanzadas capacidades de comunicación e organización social, e posibilidade de planificar as súas accións. 

As tres especies están condeadas a compartir espazos e loitar polos recursos. London estivo acertado no seu uso da Teoría da Evolución, como un proceso ramificado, non liñal, e retratando un Plistoceno no que aínda convivían varias especies de homínidos. Porén, moito do enunciado polo autor é refutábel, mais debemos lembrar os coñecementos existentes na época na que escribiu a súa obra. 

O narrador en primeira persoa, do que non sabemos o nome, un narrador consciente que mesmo se dirixe ao lector, relata tamén en primeira persoa as andainas de Dente Longo, o antergo de cuxa memoria é depositario. A través das súas lembranzas, Dente Longo convértese en narrador tamén, e coñecemos á súa amada Doce Alegría, ao cruel xefe da súa Horda, Ollo Vermello, e ao seu mellor amigo, Orella Caída, co cal comparte aventuras, pelexas e brincadeiras e, de non ser pola incapacidade da súa especie para asentar coñecementos e aprender das súas experiencias, avances como a navegación fluvial ou a domesticación do can. 

Dividido en dezaoito capítulos e cunha extensión de 224 páxinas, Antes de Adán pódese ler ben axiña, polo seu estilo sinxelo, sen artificios e de ton oral, que acada a suspensión de incredulidade sen esforzo. O romance, que de seguro non foi popular na súa época polas ideas que expón, deixa un pousiño de tristura polo fin da Horda de Dente Longo que xa coñecemos de antemán, malia o que resulta una lectura interesante para descubrir unha faceta literaria de Jack London que fica descoñecida para gran parte do público.

Antes de Adán foi traducida ao galego e publicada por Urco Editora



Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes