2 de enero de 2017

Mulleres bravas da nosa historia

Urco Editora ven de presentar a súa colección Mulleres bravas da nosa historia, unha serie de cadernos destinados ao público infantil, coa intención de visibilizar e dar a coñecer ás mulleres exemplares da historia da Galiza. 

A campaña de micromecenazgo para impulsala foi un éxito de convocatoria, e cada exemplar inclúe o nome de todos os aportadores, máis o logotipo na contracapa das dúas librarías galegas que apoiaron o proxecto: Livraría Suévia, de A Coruña, e Libraría de Mulleres Lila de Lilith, de Santiago de Compostela. 

O formato dos cadernos e de 21x21 centímetros, en rústica con capas fornecidas e plastificadas, con papel satinado de gran gramaxe, e totalmente  ilustrados a toda cor. 

A periodicidade de publicación será trimestral, a un prezo de dez euros


Cada caderno consta da biografía da protagonista, incluído un cadro cronolóxico cos datos más salientábeis, e máis oito páxinas de actividades para as crianzas, para realizar na casa ou nas aulas, cunha orientación educativo-pedagóxica.  

O texto amósase inserido en cadros de dous tipos para facilitar a lectura: un máis grande, de fondo mourado e letra branca en tipografía con remates, no que se amosa a información principal, e outro máis pequeno, de fondo verde con tipografía sen remates, no que se amplía a información con datos adicionais.

O deseño é moi atractivo polo uso da cor e a disposición da información, de xeito sinóptico e doado de ler, nun formato enfocado con gran acerto ao público infantil. 

Mulleres bravas da nosa historia é un proxecto desenvolvido íntegramente por mulleres, coordinado por Andrea Jamardo Seijo, de Urco Editora, e con Raquel Vila Amado (traballadora do ILG e correctora profesional) como revisora lingüística. O seu comité de asesoras confórmano Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega)

A ilustradora de toda a serie será Eva Agra. Cada caderno ten un perfil da autora dos textos no reverso da capa e da ilustradora no reverso da contracapa. 


O primeiro deles está adicado a Rosalía de Castro, e conta con textos de María Lado. Está narrado por unha lucecú que acompaña á poeta dende o seu nacemento até o seu pasamento. 

O caderno, que inclúe fragmentos dos poemas Campanas de Bastabales e Negra sombra, ofrece tanto datos significativos da vida da maior poeta galega e nai do Rexurdimento, coma outros máis descoñecidos para o grande público (o seu nome completo, a identidade do seu pai e a súa relación con el...), e que polo xeito no que están presentados fan que a lectura sexa moi amena e divertida para os cativos e cativas. 

Neste caderno, os recadros verdes van acompañados dun signo de interrogación.

María Lado trata por igual a dimensión literaria e a humana de Rosalía de Castro, marcada por continuos traslados de residencia, por unha longa enfermidade, a morte de seres queridos (a súa amiga Eduarda, irmá de Eduardo Pondal, dous dos seus fillos...) e a fame negra de 1853, que espertaría nela a sensibilidade polos máis humildes do pobo galego. 


O segundo volume está adicado a María Victoria Moreno, e os textos son obra de Eli Ríos. A narradora é Navia, unha rapaza que aparece en páxinas alternas sinalizando os cadros verdes. 

Pón en valor e visibiliza a figura da mestra e escritora que, non sendo de orixe galega, fixo súas a lingua e a identidade da Galiza. Dela saliéntase a súa labor pedagóxica, a súa entrega e adicación aos seus alumnos e a todos os cativos e cativas en xeral, e a súa faceta pioneira ao incorporar personaxes femininos na literatura infantil.

Profesora, escritora, lingüista, tradutora... a ollada de Eli Ríos abrangue todas as dimensións de María Victoria Moreno, visibilizando á muller alén da súa faceta máis coñecida, a de autora de Agnanórise.

Neste caderno aprendemos, por exemplo, que sabía oito idiomas, que foi alumna avantaxada de Dámaso Alonso ou que traduciu do catalán ao galego Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo.

Este segundo caderno transmite a sensación de facerlle xustiza á figura de María Victoria Moreno, non tan coñecida para o gran público como Rosalía de Castro, e cumpre co obxectivo de achegar aos rapaces e rapazas da Galiza figuras de referencia que, cecáis por ser mulleres, ficaron sen o merecido recoñecemento.





Os cadernos da colección Mulleres bravas da nosa historia pódense mercar na páxina web de Urco Editora ou en librarías como Suévia ou Lila de Lilith.

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes