1 de diciembre de 2016

Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove - Pasi Ilmari Jääskeläinen

A vida de Ella Amanda Milana é a típica dunha mestra substituta nunha pequena vila de Finlandia: corrixir redaccións, enviar relatos á sección de literatura do xornal e ver como a enfermidade do seu pai o vai transformando nunha criatura estraña e afastada.

Mais todo dá un xiro cando Laura das Neves, veciña de Lombodalebre e autora de libros infantís de sona mundial, a selecciona como décima integrante da Sociedade Literaria de Lombodalebre, onde Ella se poderá formar como escritora, o que lle ha asegurar un futuro brillante nas letras finlandesas e mesmo internacionais.

Porén, logo dun duro revés da sorte, o camiño da protagonista se verá guiado cara aos secretos máis ocultos da misteriosa Sociedade e dos seus outros nove integrantes.

Pasi Ilmari Jääskeläinen tece nesta novela, con puntadas finas e maxistrais, as distintas historias de cada unha das grandes e desgraciadas figuras literarias da vila de Lombodalebre, relatadas a través dun xogo tan cruel como efectivo, que elas mesmas empregan para conseguir material co que alimentar as súas novelas. Os ecos dun pasado esquecido á mantenta, o carácter complexo e por veces monstruoso da mentora, a estraña enfermidade que contaxia os libros da biblioteca e transforma as súas historias, as vidas en ruínas dos protagonistas… todos os elementos, reais e fantásticos, envólvense os uns sobre os outros en espirais cada vez máis complexas, até o punto de que é imposíbel distinguir o real do soñado. Jääskeläinen, xa premiado múltiples veces antes desta novela, acada aquí unha altura narrativa que, con razón, levaron a boa parte da crítica a comparar o seu particular realismo máxico co de Gabriel García Márquez.


Con Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove, Urco Editora achega aos galegofalantes a figura de Pasi Ilmari Jääskeläinen, un dos autores más recoñecidos da -para nós- lonxana e recóndita literatura finesa, receptor de varios dos premios más prestixiosos do seu país. Publicada no 2006 co título orixinal de Lumikko ja yhdeksän muuta, supoñeu o seu lanzamento internacional, con traduccións a varias linguas, como a actual ao galego, obra de Tuula Ahola Rissanen e Tomás González Ahola

Antes de comentala, compre citar a nota dos propios traductores sobre os nomes propios: decidiuse traducilos, contra a norma habitual, pola súa carga semántica, tendo a meirande parte dos apelidos relación coa natureza, sexan animais, prantas ou accidentes xeográficos. Algo que, por outra parte, facilita a lectura evitando a sempre complexas -de novo para nós- onomásticas sueca e finesa. 

Non é unha novela doada de catalogar, pois mestura elementos da novela negra nórdica con compoñentes fantásticos e do realismo máximo, á vez que amosa unha ollada costumista da sociedade finlandesa, polo menos da pertencente ás pequenas localidades rurais do país.  

A combinación é equilibrada, resultando nunha historia colectiva, na que a propia vila de Lombodalebre, coa súa maxia e a súa vida oculta, pasa de escenario a personaxe central, construindo con ela Jääskeläinen a súa propia Macondo, a súa Twin Peaks, o seu propio Yoknapatawpha, a súa Castle Rock ou a súa pequena aldeíña anónima á beira do río Po. 


Porque Lombodalebre é a típica vila finlandesa, arrodeada de bosques tan mestos e extensos que poden agochar un automóbil durante décadas sen que ninguén o atope. Unha vila coas súas casas unifamiliares con horta e xardín, o seu xornal local -A pegada da lebre-, a súa biblioteca na que os libros mudan as historias que contan ou a súa morte que ninguén semella lembrar. 

Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove é, por riba de todo, unha novela metaliteraria, que trata sobre o proceso creativo do escritor e o nacemento das historias, sobor do mundo literario e do custo da labor de escribir, da soidade e mesmo da dor que conleva ás veces. 

Así, Lombodalebre é o fogar de Laura das Neves, autora mundialmente valorada de literatura infantil, creadora da saga Criaturalandia e figura central da vila, cuxa vida diaria semella orbitar arredor da escritora. Laura das Neves é unha figura totémica, cuasidivina, inalcanzábel, e tan fría como o seu caractónimo indica. É, tamén, a fundadora da Sociedade Literaria dos Nove, un grupo de cativos con talento literario aos que converteu baixo a súa tutela e anos despois, en escritores de éxito consagrados. En trinta anos, Laura das Neves non aceptou ningún novo membro da Sociedade, até a chegada de Ella Milana, a protagonista. 

A iniciación de Ella na Sociedade, os segredos e misterios dos seus otros membros, a desaparición de escea de Laura das Neves (moi propia do realismo máxico) e a investigación dunha morte acontecida hai trinta anos ante un estraño caso de amnesia colectiva, serán os motores da trama, aos que acompaña un elemento que semellaba un simple McGuffin ao comezo: a fantástica transformación dos libros da biblioteca, novelas que cambian as súas historias e os seus desenlaces sen razón aparente. 

[fonte: Devianart]

Pasi Ilmari Jääskeläinen demostra ser un gran creador de personaxes, e tanto principais como secundarios rebordan vida, o que contribúe á suspensión de incredulidade, mesmo cunha historia fantasiosa e tan chea de elementos sobrenaturais ou inexplicables (resulta clarificadora a comparanza con Twin Peaks que establece a faixa do volume). 

Destacan, porén da protagonista Ella Milana, os membros da Sociedade, en especial tres deles: Martti Terrafría -referido a cotío co deíctico o escritor Terrafría-; a bibliotecaria e autora de libros xuvenís Ingrid Gato; e a ama de casa e escritora de ficción científica Arne C. Amieira, coa que Jääskeläinen se permite brincadeiras metarreferenciais, como que o público considere que sexa a única que non fai auténtica literatura, que non escribe sobre a realidade ou que estea a recibir premios decote "aos que os círculos da ficción científica son tan afeccionados". Tres estigmas que os seareiros da Ciencia-Ficción han recoñecer de contado.

Os personaxes están cheos de credibilidade, posuidores de múltiples facetas, físicas e psicolóxicas, que se desvelan con viveza a través d'O Xogo, unha cruel actividade da Sociedade, na que os membros se sinceran un contra outro (ao que chaman sangrar), espindo corpo e mente. O Xogo permitirá a Ella Milana avanzar tamén na resolución da misteriosa morte que a Sociedade, e por extensión toda Lombodalebre, semellan ter esquecido. 

Unha edición na súa lingua orixinal

Dividida en tres partes máis un epílogo, e en 39 capítulos numerados (os únicos con títulos son aqueles que fan referencia ao Xogo, indicando cal dos membros sangra), a novela de Jääskeläinen ten un desenvolvemento totalmente impredecible, cunha estructura de capas concéntricas, como de cebola, na que os misterios van resolvéndose a medida que as certezas iniciais caen e as primeiras impresións sobre os personaxes mudan cada vez que o Xogo, por unha banda, e as súas accións, por outra, descobren a realidade. 

Non é, con todo, unha novela negra pura, pois a intención do autor ultrapasa a da simple investigación dunha morte esquecida. Malia o cal é doado relacionar Lombodalebre con Saint Mary Mead ou calquera das aldeas británicas nas que Agatha Christie ambientaba as súas novelas. Laura das Neves e a sociedade literaria dos Nove é unha novela atípica, atractiva pola súa historia e pola súa dimensión metaliteraria, que a farán especialmente interesante para os escritores a aqueles que vivan a literatura en calquera das súas formas. 

Pasi Ilmari Jääskeläinen acada atrapar a atención do lector e mergullalo nun mundo de realismo máxico, no que o xardín dunha casa pode converterse en refuxio de trinta oito cans das razas máis variadas, un home con alzhéimer pode abraiar aos seus familiares recitando fermosos poemas, ou onde os moitos seres feéricos do folclore finés cobran vida e están presentes por toda Lombodalebre, e non só nas estatuas deles que ateigan a vila, pois compre salientar o mapa mitolóxico que adxunta o volume na súa derradeira páxina. Se callar unha última volta de porca do autor, que engade a metaficcionalidade para rematar de esvaecer o limiar da fantasía e a realidade. 




Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove pode mercarse na páxina web de Urco Editora ou nas librarías do país. 

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes