9 de diciembre de 2016

Cando cae a luz - María Canosa

Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.

Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.

Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.

Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas…Transformáronse co paso do tempo, máis os lobos habitan o mundo e acoden a nós...

cando cae a luz.


"Cando cae a luz" é unha das novidades que Urco Editora apresentou na edición 2016 do Culturgal, e o primeiro libro que publica nela María Canosa, unha das autoras máis prolíficas da literatura infantoxuvenil en galego. É tamén o sétimo libro da autora que sae do prelo neste 2016 e fai, se contei ben, o trixésimo segundo da súa bibliografía, sen contar a obra colectiva. Como ven sendo habitual no selo Alcaián, a capa - que homenaxea á pintura American Gothic de Grant Wood- é obra de José María Picón

Estamos ante unha colección de 13 relatos curtos, cos que María Canosa reivindica a tradición oral do conto, e o seu papel como aglutinador e cohesionador da familia e da sociedade galega. A sinopse e o volume ábrense con senllas frases de Ánxel Fole (A lus do candil, Terra brava), un dos principais cultivadores do relato da nosas letras, manifestación literaria na que cómpre salientar tamén ao seu amigo Rafael Dieste (Dos arquivos do trasno), a Álvaro Cunqueiro (Xente de aquí e de acolá, Os outros feirantes), a Carlos Casares (Vento ferido, Os escuros soños de Clío), ou mesmo a Xabier P. Docampo (Cando petan na porta pola noite).

Porén, non é a intención da autora emular o estilo de Fole e os demáis clásicos, e os relatos de "Cando cae a luz", se ben manteñen o carácter fantástico dos devanditos, teñen un ton Weird que semella máis inspirado polo ronsel de Robert Aickman, con historias de moi curta estensión, atmosfera desacougante e finais que se precipitan dun xeito inesperado. 


"Rañaceos de celulosa": Está narrado en primeira persoa por un neno, e emprega un bosque de eucaliptos como elemento de horror, convertido nun personaxe con entidade propia. 

"Bicos de Isabel": É un relato de psicópatas que se desenvolve nunha contorna cotiá e no que a tensión aumenta perante o texto até liberarse no desenlace. 

"Forasteiro na cidade": Protagonizado por unha persoa anónima, é un relato de corte kafkiano e cheo de simbolismo, no que a cidade aparece como elemento abafante e opresor da individualidade. 

"Carmín intenso": Retorna ao subxénero de psicópatas, e ofrece unha historia de desenlace incerto, pouco claro. 

"Treboada no avión": é un dos textos máis acaídos do volume, herdeiro do estilo fantástico de autores como Ray Bradbury ou Richard Matheson, lembrando ás historias de series de televisión como The Twilight Zone ou Amazing Stories.

"Mary Poppins": Xoga co personaxe creado por Pamela Lyndon Travers e popularizado polo filme de Walt Disney Pictures. Unha muller busca una neneira perfecta para a súa filla. O seu comezo e desenvolvemento non fan prever o final grotesco e non pechado. 


"Liña nocturna": Un relato moderno de pantasmas moderna, que actualiza as clásicas historias de aparecidos, cun ton literario propio de revistas pulp como Creepy ou Tales From the Crypt.

"Non quero un avó": Relato incómodo, pois xoga co desacougo que producen sempre as crianzas nas historias de terror. Un home altruista e benfeitor enfróntase a un mozo que rexeita a súa caridade.

"Asasino a soldo": Nesta historia, dous asasinos xogan ao rato e ao gato, cun final imprevisto e truculento, na liña do resto do volume.

"Torreón": Unha das historias máis clásicas do libro, un relato de pantasmas na tradición do terror gótico.

"Badaladas na noite": Outro relato de pantasmas, agora moi referenciado ao eido rural galego.

"Vagalume": Unha  historia interesante polo uso dos vagalumes como fío conductor e elemento común ás distintas mortes que vai narrando o protagonista.

"Balada": Un músico, excelente executante pero incapaz de compoñer, é animado por unha compañeira a desenvolver todo o seu talento. Novamente, a autora xoga co inesperado e co impactante para finalizar o texto.


En resumo, María Canosa propón unha actualización do relato, da comunicación das historias e da súa transmisión oral. Por iso "Cando cae a luz" amosa as novas formas do horror e do fantástico, vencelladas xa aos novos usos sociais, ao eido urbano e á influencia da literatura e o cine modernos.

Como é cotián nas recopilacións, non todos os relatos acadan o mesmo nível nin a mesma expresividade, se ben o apartado formal é correcto ao longo de todo o volume, resultando, pola súa brevidade, unha lectura que tanto se pode rematar en menos de dúas horas como estenderse ao longo de varios días, pois o seu formato de relatos curtos permite alternalo con outros textos ou adicarlle un pequeno espazo de tempo antes de deitarse.

A procura do macabro, do estraño, do grotesco e do desasosegante unen así os camiños de María Canosa e Urco Editora, nun libro axeitado por igual para o público adulto como para o xuvenil, co que partilla códigos e linguaxe, e que, sendo una lectura lixeira, ha conectar doadamente cos amadores do xénero fantástico na súa expresión máis estarrecedora.



ONDE ATOPALO: 


"Cando cae a luz" pode mercarse na páxina web de Urco Editora, na loxa do Consorcio Editorial Galego ou nas librarías de país. 

LIGAZÓNS DE INTERESE: 


Urco Editora: Páxina web, Facebook, Twitter.

María Canosa: Facebook, Twitter, artigos de imprensa.

"Cando cae a luz": Ficha do libroParola sobre o libro no Diario Cultural da Radio Galega. Recensión en Brabádegos

FICHA TÉCNICA:


CANDO CAE A LUZ
Autora: MARIA CANOSA
Editorial: URCO EDITORA
Colección: ALCAIÁN
Materia: NARRATIVA
Data de edición: 01/10/2016
ISBN: 978-84-15699-97-2
EAN: 978841569997
Páxinas: 121
Encadernación: Rústica con tapas fornecidas e plastificadas
Prezo: 13,00€


Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes