6 de octubre de 2016

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

Estos bosquexos son a miña propia banda sonora. Relatan as horas que dediquei a pasar por diante de bares abertos aos que rara vez accedín para acalmar a sede, ou se cada para escorrentar a friaxe da noite. Estes textos falan dese Lugo que apenas se aprecia, por próximo. Falan de calquera cidade na que exista un bar, unha festa popular ou a dor inmensa da violación continuada. Son tanto dese tempo que mancan cunha angustia que xa non se percibe. [...] Aquí móstrase, en moitos casos, a dor que normalizan as estatísticas do Ministerio do Interior. A violencia e o acoso como feridas do subconsciente, no tempo no que a educación e a xustiza miran de semellar ausentes.



"Bosquexos para unha distopía" é o novo libro de Alberte Momán Noval, autor da Triloxía Extraterreste que vimos a través das súas novelas "Vattene!" e "El legado extraterrestre". Nesta ocasión publica a través de Redelibros un volume que, se ben versa sobre distopías, non se enmarca na Ficción Científica -xénero que case monopoliza a temática- nin analiza as problemáticas e imperfeccións da nosa sociedade en trazos globais, senón que se interesa pola intrahistoria, polas vivenzas individuais, pola dor e o sufrimento de cada persoa, a cotío agochados baixo unha fachada de aparente normalidade. Momán fálanos dunha distopía do aquí e do agora, onde a disfuncionalidade transcorre por lugares coñecidos, correntes, sen exercizos de estrañamento. 

No seu día  referenciamos o estilo de Alberte Momán a autores como William S. Burroughs ou Albert Camus. Sendo unha literatura culta e experimental, cada un pode trazar liñas cara as súas propias referencias: o existencialismo de Boris Vian, o surrealismo de Burroughs ou Ken Kesey, pero tamén o weird de Robert Aickman ou o erotismo escuro de Bukowski. É, en calquera caso, unha voz discordante e orixinal no panorama das nosas letras.

Alberte Momán [fonte: Google+ do autor]


"Bosquexos para unha distopía" componse de tres historias independentes:


"Novembro"


Unha historia coral, dividida en vinte capítulos ou escenas numeradas, que achega ao lector á intrahistoria da cidade de Lugo, onde mora o autor, a través das vidas de diversos personaxes que xiran arredor dun bar, o noso lugar básico de socialización. Persoas comúns das que descubrimos as circunstancias ocultas que agochan as súas fachadas exteriores, e que reflicten as doenzas da nosa sociedade: o desemprego, os desafiuzamentos, o maltrato, os matrimonios infelices, a precariedade e a explotación laborais, a miseria... O suicidio -guindándose á rúa dende unha fiestra- dun home con obesidade mórbida proporciona ao relato un ton tremendista e o emparenta co neorrealismo, reflexionando sobre a insensibilidade e a indiferenza á dor allea da sociedade actual.   



"Eufemismo un e dous"


Este relato, dividido en catro escenas, contrasta co anterior pola irrupción do surrealismo e do ton estraño (weird, se gostamos de anglicismos) propio da obra de Alberte Momán. Nunha Galiza dividida en dous hemisferios (Norte e Sur) transcorren dúas historias paralelas e relacionadas. A aparición, no campo da festa dunha verbena popular calquera, dunha muller espida e calzada con botas, anticipa unha narración que inclúe asasinatos, canibalismo e necrofilia.

O máis curto do volume, ofrece unha ollada crítica aos convencionalismos sociais, e novamente ubica situacións surreais en lugares cotiás e prosaicos, como o bochinche dunha festa patronal ou un simple bar de estrada, convertidos en escenarios inquedantes. 


"Alicia"


Unha versión perversa e sórdida da obra de Lewis Carroll, na que os personaxes de Alicia, o coello branco, o sombreireiro tolo e a raíña de corazóns teñen papeis moi diferentes aos da orixinal. Dividida en doce capítulos ou escenas numeradas, amosa a unha Alicia adulta, con fortes problemas emocionais, traumatizada polos abusos sexuais padecidos na nenez, e amante de Ivonne, un interesante personaxe  que permite ao autor reflexionar sobre a ética da dominación dunha persoa por outra, incluida a súa verquente sexual. 

O tobo do coello e o outro lado do espello aparecen como metáforas, nunha historia que compila os elementos propios do universo literario de Alberte Momán: o surrealismo, a truculencia, o erotismo, a sexualidade menos convencional -tamén as parafilias-, a escatoloxía e a violencia estética.

"Novembro" representa un cambio de rexistro salientable ao respecto da Triloxía Extraterrestre, despoxado de elementos fantásticos e surreais -sen renunciar ao chocante- e máis centrado no drama, cunha perspectiva neorrealista como xa dixemos, que semella inspirada polo cine social.  

Namentres, "Alicia" continúa a intención desmitificadora dos mitos populares de "O legado extraterrestre". Se naquela eran os superheroes, aquí é a figura da Alicia -e os outros personaxes de Carroll-, á vez que se repiten a figura da dominatriz -Penelope entón, Ivonne agora- e a atmósfera sórdida e desacougante. 


Así, "Bosquexos para unha distopía" permite a Alberte Momán afondar na súa concepción da literatura como eido experimental, e sérvelle para evoluir e fornecer un estilo que non colle en etiquetas, e no que a linguaxe elaborada e os cultismos non son incompatibles cunha capacidade de síntese conceptista que lle permite condensar as súas historias en textos breves, malia súa densidade argumental.

ONDE ATOPALO: 


"Bosquexos para unha distopía" pode mercarse na páxina web do Consorcio Editorial Galego ou nas librarías do país, por 9,99 euros.

LIGAZÓNS DE INTERESE: 


Ficha do libro en Redelibros.

Ficha do libro no Consorcio Editorial Galego.

Recensión no blogue Ferradura en tránsito.

Entrevista con Alberte Momán no blogue A duermevela, do El Correo Gallego.  

Lectura de fragmentos polo propio autor para o blogue A duermevela

Alberte Momán: blogue, Facebook, Google+

FICHA TÉCNICA:


BOSQUEXOS PARA UNHA DISTOPIA
ALBERTE MOMAN NOVAL
Editorial: REDELIBROS SLNE
Materia: Narrativa
Data de edición:01/04/2016
Páxinas: 114
Encadernación: Rústica con tapas fornecidas.
ISBN: 978-84-943412-8-1
EAN: 978849434128
Prezo: 9,99€

Compártelo:

1 comentario:

  1. ¡Buenas!
    Como de costumbre, suena interesante y me hace de llorar que sólo se pueda encontrar en gallego OTL Me llama la atención, sobre todo, "Novembro" y es cierto que la distopía se ha visto engullida por la ciencia ficción o incluso fantasía cuando no necesariamente tiene por qué ser así. Supongo que el hecho de que pensemos en el futuro nos hace imaginar tecnología más avanzada, etc., pero vamos, siempre he pensado que esa es la "gracia" de las distopías, el hacernos pensar en el ahora, ¿no?

    Lo dicho: una propuesta interesante que no me importaría leer si llegara a traducirse a algún idioma que hable. Que oye, todo es lanzarse e igual si me animo hasta aprendo gallego XP


    ¡Saludillos! ♪

    ResponderEliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *