1 de junio de 2016

Negruña - Xosé Duncan

Unha cidade non é máis que o reflexo das almas dos seus habitantes e, cando unha podrece, as outras déixanse arrastrar até o extremo máis escuro e vil. Pasaron moitos séculos desde que A Coruña se converteu en Negruña, deseñada e pensada para ser máis eficaz dentro da economía do Consorcio de Cidades, mais gobernada e dirixida polos mesmos ineptos de sempre. As súas rúas xa non brillan alén das horas de luz permitidas polo Concello e a súa xente vive co temor perpetuo de que clausuren os seus fogares porque, malia que ninguén se atreva a dicilo publicamente, a clausura significa o exterminio dos distritos non produtivos, daqueles que acadaron cotas de desemprego superiores ás permitidas. Porén, cando a corda se tensa tanto que está a piques de romper, neses días nos que nada semella recuperábel, será o momento en que aparezan heroes anónimos capaces de liderar exércitos.


Coa súa nova novela, publicada por Urco Editora no seu selo Alcaián -adicado á produción propia- Xosé Duncan ven de fechar a tríada: Fantasía con "As crónicas de Bran", Terror con "Hostal Norte", e agora Ficción Científica con esta "Negruña", que podemos catalogar na verquente branda do xénero, dentro da Ciencia-Ficción social.

Pois, como adoita o devandito subxénero, Xosé Duncan crea un escenario de Anticipación, tomando a situación actual da nosa sociedade e levándoa a un hipotético futuro, neste caso distópico, onde as nosas problemáticas (contaminación, políticas sociais e medioambientais inefectivas, corrupción, tecnocracia, incremento da fenda social, recurto de dereitos...) amplificando as súas dimensións, permitíndonos o exercizo de estrañamento de nos ver dende fóra, dun xeito sociolóxico, e reflexionar sobre o rumbo que toma a nosa sociedade.

Coa intención de chantar os alicerces da súa Anticipación nun escenario familiar e coñecido para os lectores, vencellado á nosa contorna inmediata, o autor opta por situar a acción na cidade de A Coruña do século XXIV, onde mudou o seu nome polo de Negruña. Un termo obtido da mestura de Coruña, Negrura e, cecais, doutra entidade que empeza por Negr- e que é responsábel, en grande medida, da recente deturpación da calidade de vida da cidade. 

Xosé Duncan [fonte: Palavra Comum]

Negruña áchase nun mundo onde a polución acadou níveis de non retorno, cos océanos convertidos en xigantescas lameiras mortas e innavegables, o cal afecta ao comercio e condea aos Estados á autarquía. Rachado o ciclo do auga, a choiva é unha brea mesta e o feluxe inza o aire, lixando canto toca.

Hai tempo que os gobernos tecnócratas aboliron a democracia e o sistema electoral. As cidades organízanse nun Consorcio e especialízanse nun área económica. Negruña, dividida en Distritos numerados, adícase ao turismo e ao lecer, reducido a un área de locais comerciais e de hostalería no distrito do antigo porto.

Cunhas taxas de desemprego de case a totalidade da poboación, a moeda ten desaparecido, e o activo circulante son vales trocables por artigos de necesidade como alimentos, roupa ou medicamentos. A vida na cidade está permitida somentes até os cincuenta anos: despois, os cidadáns deben retirarse á Residencia, onde poderán vivir tanto tempo como anos traballados acumularan.

A rede eléctrica da cidade apágase ao serán, momento no que se restrinxe a circulación de persoas. As forzas de seguridade, os temibles Controladores, actúan con total impunidade e rachan coa separación dos tres poderes, sendo policía, xuiz e verdugo, ao estilo do (satírico) feixista Xuíz Dredd.

O elemento máis salientable, por dramático, o novum da obra, é que aqueles Distritos de Negruña que deixan de ser rendibles son clausurados, pechando os predios e empregando camións inxectores de gas. De cara á opinión pública, os moradores son desafiuzados e realoxados noutros distritos. Na realidade, son exterminados dentro das súas casas, gaseados e esquecidos. Os parias fuxidos dos distritos pechados acubíllanse nas ruínas do faraónico estacionamento soterrado do antigo Bulevar do Papagaio, autodenominándose os fillos do gas e maquinando a súa venganza. 

Negruña e a súa división en distritos. O 8, equivalente ao actual barrio
de Elviña, é clausurado ao comezo da obra. A Safa e o Agra son o distrito 7.

Malia o seu prantexamento de Ficción Científica, "Negruña" non manexa un único fío argumental, senón que ten tamén un píar importante na Fantasía, cunha historia que comeza na Rusia dos Tsares e que se desenvolve sen orde cronolóxica, para narrar a procura, por parte dun dos personaxes máis fascinantes e controvertidos da Historia universal, o místico Rasputín, dun elemento místico que comprende o sangue de individuos senlleiros, posuidores de dons sobrehumanos. Este historia , que inclúe tamén un relato enmarcado, levaranos ao Castelo de Santo Antón do século XVII, ao cuartel da Sociedade Thule nazi e á India Británica, recollendo personaxes que confluirán co presente de Negruña e fusionarán ámbolos dous argumentos.

Así mesmo, algúns capítulos teñen un breve limiar: fragmentos de cadernos de bitácora e cadernos de notas, un discurso do derradeiro alcalde elexido democráticamente, o sermón do día da clausura da Colexiata de Santa María... retallos de historia que contribúen á comprensión das dúas liñas argumentais. 

"Negruña" manexa un número alto de personaxes, agrupados segundo a súa filiación. Podemos caracterizala como novela coral. Entre moitos outros, podemos destacar aos principais: por unha banda temos a Gabriel, o máis semellante a un protagonista central, seareiro do bar do Escocés e veciño típico de Negruña, que xunto coas mozas Alma e Morteia se verá mesturado en asuntos que van alén da súa comprensión. Nos fillos do gas destacan o Torreiro, excéntrico inventor que se agocha nas ruinas da Torre de Hércules; Isabel, a roxa líder da resistencia contra o goberno municipal, e Xan e Bruno, os dous rillotes inseparables que fan o papel de donaire. O resto dos descastados da cidade teñen a súa representación no Rata, xefe da tribo do distrito 9, e no Chivas, caudillo dos parias entre os parias, aqueles que viven alén dos muros da cidade. A subtrama histórica aporta ao devandito Rasputín (e o seu alter ego no presente), ao eremita errante Makari, ao xigante cego Gúmer e ao silandeiro hindú Marut, un dos personaxes máis tráxicos do elenco. 

Na construcción dalgúns deles, Xosé Duncan emprega un recurso propio do esperpento valleinclaniano, como é asociar o feitío físico do personaxe co seu carácter e coa súa personalidade. Saliéntase entre todos o Alcalde, cuxa obesidade hiperbólica, as súas roupas recargadas e rechamantes e os seus acenos afectados acompañan ao seu ser pusilánime, covarde, inepto e decadente.   

O bar do Escocés, un dos escenarios principais da novela,
é na realidade un veterano local da cidade, de moita sona

Alén da parte formal e dos aspectos narratolóxicos e puramente estilísticos, a análise máis interesante de "Negruña" ven da súa proxeción anticipatoria, da súa especulación sobor dun futuro no cal todas as políticas tecnocráticas e neoliberais da actualidade foran levadas ao seu máximo expoñente. A sacrosanta redución do déficit, a economía de mercado total, o monetarismo resultadista e a consagración da produtividade, acompañadas da absoluta abolición dos dereitos sociais e o Estado do Benestar. En Negruña non chega con eliminar os dereitos e a dignidade dos cidadáns: anúlase a súa capacidade de opinión e participación cívica, a súa liberdade de conciencia e mesmo de culto -a relixión xa non existe-, limítanse os seus movementos e o seu albedrío, négaselle a soberanía sobre a súa vivenda e posesións e chégase ao chanzo final: a súa eliminación física. 

Tanto mesmo ocorre co Medio Ambiente, que coa ineptitude dos mandatarios, o esvaecemento da cultura (no bar do Escocés, a música diexética procede da época "na que se escribían cancións"), a privatización dos espazos e equipamentos públicos para uso e solaz dos privilexiados, a brutalidade das forzas da orde, a completa precarización laboral, e o alargamento dunha fenda entre clases sociais (só existe a mobilidade descendente) onde a clase media ven de extinguirse e existen xigantescas bolsas de miseria ignoradas polos gobernantes.

"Negruña" é, por tanto, un retrato da progresiva deshumanización da nosa sociedade, e das consecuencias de tódolos erros que cometemos como pobo, por acción ou omisión, por nós mesmos ou a través dos gobernantes que escollemos. Con exemplos como o de Christine Lagarde -directora xeral do FMI- laiándose de que os vellos viven demasiado e son caros de manter, ou da cidade de Detroit derrubando barrios aos que non pode garantir servizos básicos, abofé deberiamos comezar a preocuparnos os acertos da novela.

Novela que resulta escura e desacougante, de leitura incómoda nalgunhas pasaxes particularmente fortes, e na cal pesa a atmósfera opresiva, cincenta, depresiva mesmo. A postura de Xosé Duncan é fondamente distópica e pesimista, pero ben dixo David Brin que a Ficción Científica é unha profecía autoexcluínte, que nos advirte dos perigos do futuro para que poidamos correxilos a tempo.

Ilustración de Segismundo Rey para o capítulo 1

Como apuntamento sobre o escenario, a ubicación da trama nunha Coruña futurista supón un valor engadido, pola proximidade cultural ao público galego. Permite o xogo de recoñecer lugares (nomeados ou non) e de ubicar doadamente os acontecementos. A división en distritos (en vigor hoxe en día), para os que nacimos e/ou medramos na vila, é tamén unha oportunidade de lembrar aquela antiga Coruña dos barrios, anterior á transformación urbanística e social que mudou radicalmente a súa identidade. 

Por último, compre salientar o deseño do volume, coas ilustración de Segismundo Rey (catorce en total, unha por capítulo, ademáis da folla inicial de cada un), cun estilo que conxuga o hieratismo do arte medieval cun manierismo que semella inspirado polo El Greco, polas súas figuras magras e lanzais, pero que á vez ten un certo toque naïf, procedente do aspecto infantil de todos os personaxes retratados. O debuxo a lápis, de contornas angulosas e trazos ríxidos, contribúe a atmósfera escura da narración. A capa, como é habitual na serie Alcaián, é unha composición fotográfica obra de José María Picón.

ÓNDE ACADALO: 

"Negruña" pode atoparse na propia web de Urco Editora, na tenda online do Consorcio Editorial Galego, e por suposto nas librarías do país. 

LIGAZÓNS DE INTERESE:

Urco Editora: Páxina web e Facebook.

Xosé Duncan:  Facebook e blog.

Segismundo Rey: Facebook

Entrevista ao autor en Palavra Comum

O programa Diario Cultural da Radio Galega emitiu cinco fragmentos do libro, lidos polo propio autor, entre o 30 de maio e o 3 de xuño do 2016. O 2 de xuño emítese unha entrevista ao autor. Pódense escoitar no seu podcast.

FICHA TÉCNICA:

Negruña
Autor: Xosé Duncan
Editorial: Urco Editora
Selo: Alcaián
Nº DE PÁXINAS: 321
FORMATO: 155 x 230 mm
ISBN: 978-84-15699-87-3
EAN: 978841569987
PREZO: 19 €



Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

Y tú, ¿Qué opinas?