12 de enero de 2016

Soños eléctricos - Ramón Caride

Cando o vento frío do deserto che deu na cara, viches a cúpula da Cidade rachada, saíches á escuridade. De súpeto a ebriedade abandonou a túa cabeza. Por fin entendiches o perigo que te axexaba. Ías morrer de frío, de fame e de soidade. Iso se non daban conta de ti os lobos metálicos. Os lobos metálicos gardan as portas da cidade, evitan que entren salvaxes e animais, evitan o ascenso das ratas mutadas, manteñen fóra os salvaxes e as ratas. Mais agora xa non teñen Cidade que defender, non lles queda nada que facer senón matar, e teñen ansia de facelo. 



Soños eléctricos non é a primeira novela de Ficción científica escrita en galego, pero é o libro que, segundo a crítica literaria especializada, consolidou o xénero na Galiza, sendo unha das máis significativas. Publicouse no 1992 na editorial Xerais, ano no que gañou o Premio Eduardo Blanco Amor. No 2002, o xornal La Voz de Galicia incluiuna na súa antoloxía Biblioteca 120.

Con Soños eléctricos, Ramón Caride comeza unha triloxía narrativa, De sombras e de lume, que segue con Sarou (1997, reeditada e ampliada no 2012 como Sarou/Lanzós) e que se pecha con O sangue dos camiños (2003, reeditada no 2014). Compre dicir que as tres obras pódense ler de xeito independente. 

A novela insírese na Ciencia-Ficción branda, e máis en particular na Ciencia-Ficción social, servindo coma reflexión sobre a estratificación da sociedade e os fenómenos culturais de masas, extrapolando a nosa situación actual a un escenario fantástico que permite o exercizo de estrañamento de vernos dende fóra. Ou, segundo a sentenza atribuida a Ursula K. LeGuin, «A Ficción científica non é predictiva, senón descriptiva». 


Con 195 páxinas divididas en cinco partes intituladas, Soños eléctricos combina diferentes técnicas e puntos de vista narrativos, e posúe unha estrutura narrativa complexa, tanto no formal, co uso decote de prolepses (flash-forward) e analepses (flash-back) como no argumental, pois como veremos deseguido, o protagonista, Stevo Dádik, aparecerá tanto de seu como a través dun tercer personaxe.

A acción sitúase nun futuro post-apocalíptico coñecido como A Era Nova, que mesmo desbotou a cronoloxía anterior (Stevo Dádik nace no ano 143) e no cal a Terra fica transformada nun xigantesco deserto radioactivo, namentres que a humanidade vive en cidades-estado subterráneas protexidas por cúpulas e organizadas nunha Confederación. A sociedade resultante está ríxidamente estratificada, cun sistema estamental que anulou a movilidade do actual sistema de clases. Os estamentos privilexiados reprodúcense de xeito tradicional, biolóxico, e o resto mediante clonación. A segregación social esténdese á vestimenta (con cores para cada grupo social), ás ocupacións e mesmo ao espazo físico: cos ecosistemas naturais esvaecidos, a cidade organízase en níveis verticais, reservando os superiores para os privilexiados. O vencello da persoa ao chan é medieval: canto máis baixo é o nível, máis baixa a posición social do seu morador, que está ligado a el e non pode abandoalo. Porén, aínda existen parias entre os parias: os nómades salvaxes que habitan o deserto radiactivo, fóra da sociedade á cal teñen vedado o acceso.

Soños eléctricos xira en torno á figura mesiánica de Stevo Dádik, un home que, nacendo nunha familia de militares (o estamento máis elevado) renuncia aos seus privilexios de berce e comeza, por propia vontade, un descenso cara os níveis máis baixos da Cidade Alfa e convértese nunha icona contracultural, nun músico que galvaniza ás masas cos seus espectáculos. A novela comeza cando, tras anos da súa desaparición, uns científicos do réxime administran unha droga psicoactiva a Xandor-F, un asasino que coñeceu a Stevo, provocándolle unha viaxe mental na que asume a personalidade e a esenza do propio Stevo Dádik, co fin de clonalo a partires das lembranzas do asasino.



Varias son as lecturas que se poden facer da novela. Hai, por unha parte, o mesianismo de Stevo Dádik e os seus paralelismos coa figura de Xesús Cristo, en canto á súa predestinación como guía do pobo, líder, profeta e mesmo mahdi inspirador dunha revolución violenta, como se verá ao conclusión da obra. Do mesmo xeito, a súa vida pública transcorre na predicación (no caso de Stevo, a través dos seus concertos) e renuncia á tentación da vida cómoda e privilexiada para viviren arrodeado do lumpen: asasinos como Xandor-F ou prostitutas como Lumia, o seu grande amor, tamén filla de militares, pero cuxo descenso de estamento social débese a unha caída en desgracia familiar. 

Temos, por outra banda, un retrato da cultura de masas e da sociedade da imaxe, cun Stevo Dádik convertido nun artista de carisma mesmérico, capaz de electrizar ao público e manipular as súas crenzas e emocións, nun espectáculo no que o cantante ultrapasa á súa música e torna un produto cultural en sí mesmo. Evoca figuras como Jim Morrison, Jerry García ou Jimi Hendrix (a banda de Stevo Dádik, con músicos de variopinta procedencia, incluso un salvaxe do deserto, trae reminiscencias das eclécticas formacións da era da psicodelia, como a Gypsy Sun and Rainbows) e, por riba de todos, o británico David Bowie, icona referencial da imaxe e a estética aplicadas ao rock. [Casualmente, publícase este texto ao día seguinte do seu pasamento]. Como Bowie, Stevo convértese nos personaxes que interpreta, levándose e levando ao público á catarse e reinventándose a cada concerto.

A novela de Ramón Caride Ogando é, tamén e ante todo, unha historia de amor. O romance de Stevo e Lumia, narrado de xeito emocional, con intensidade e con momentos de grande expresividade erótica. Nun mundo fríxido e desnaturalizado, onde a reproducción é artificial e o sexo unha mera cuestión física desenvolvido en «salas de pracer» con profesionais que perderon o dereito sobre o seu propio corpo, o amor de Stevo e Lumia é, por sí só, un acto de rebeldía e revolución. Unha reivindicación da humanidade, das paixóns e da voluptuosidade (que lembra ao «Amar es combatir / si dos se besan el mundo cambia» de Octavio Paz) mesmo sabendo as funestas consecuencias que suporá aos dous amantes.

David Bowie como Ziggy Stardust,un dos seus máis celebrados heterónimos 

E a lectura de Soños eléctricos como novela de Ficción Científica, que ofrece a visión dun mundo distópico, reflectido a través das diversas intrahistorias, como a de Xandor-F, adestrado dende neno coma asasino nunhas condicións de crueldade e rigor estremas, e vivindo ao día nunha espiral de traballo e lecer autodestructivo, unha molicie sen futuro que lembra á imposta pola nosa actual sociedade de consumo; ou a de Lumia, que encarna a perda da soberanía última da persoa: a cosificación, o propio corpo e a propia sexualidade postas á disposición de terceiros. O mundo apresentado por Ramón Caride acada un grande impacto visual, con escenarios familiares aos seareiros da literatura de Anticipación: unha Terra desertizada enferma de radioactividade, coa poboación amoreada en cidades-estado, e vehiculada nunha ríxida sociedade que voltou aos estamentos medievais, marcadamente determinista e na que o espazo vital vencéllase á posición social, máis deturpado canto máis baixo o nível, até que as persoas máis desfavorecidas vivan entre o lixo e perigosas ratas mutadas.

No literario, a combinación de técnicas narrativas por parte do autor contribúe a enriquecer a nosa visión do seu mundo, amosado dende diversas olladas, creando un mosaico de escenas nas que se alternan a narración en primeira, segunda e terceira persoa. Soños eléctricos é unha novela de sensacións, de forte simboloxía e pouco convencional no apartado formal. Con ela, Ramón Caride uniu a habelencia literaria a unha sensibilidade particular para a Ficción científica, creando unha obra referencial do xénero na nosa língua, da que comprían traduccións que permitisen desfrutala a todos os benquerentes da Ciencia-Ficción.

Compártelo:

2 comentarios:

  1. Unha xenerosa e fonda lectura, Tomás. Era a miña primeira novela, e hoxe mudaría cousas; pero o feito de que siga motivando comentarios tan sentidos, pasados vinte e pico anos, éncheme de orgullo, e case de incredulidade... Como complemento, ao cabo dos anos, vexo algunhas "fontes" inconscientes máis, a parte das que citas: "Torpedo 1936" (Enrique Sánchez Abulí), "El perseguidor" (Julio Cortázar), "The Doors" (Oliver Stone)...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Obrigadísimo. Agora que o comentas, abofé que a posta en escea de Stevo lembra moito ás de Jim Morrison no filme de Oliver Stone, en particular o célebre concerto de Miami onde berrou ao público "sodes un feixe de fodidos escravos". Ten tamén algo da presenza de Iggy Pop, pero non sei porqué na miña mente fica máis ligado ao David Bowie.

      Eliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes