24 de enero de 2016

O sangue dos camiños - Ramón Caride

Sinopse: Nunha cidade descoñecida un escritor atorméntase coa desaparición da súa amada, mentres en Nova York unha azafata trafica con estrañas mercadorías. En Le-Vivier-Sur-Mer, na Bretaña, outra muller terá un encontro inesperado que rematará por mudar a súa vida. Os camiños dos tres confluirán, se cadra, dun xeito insólito. Como nunha road-movie vertixinosa, "O sangue dos camiños" (Premio Risco de Literatura Fantástica 2003) debulla, e transcende, os mitos do folclore actual –os dos medios de comunicación de masas–, mantendo a tensión do lector cara á fatalidade dos desenlaces.


"O sangue dos camiños" publicada no 2003 (ano no que gañou o premio Risco de literatura fantástica) e reeditada no 2013, está considerada pola crítica a novela máis acaída de Ramón Caride Ogando. Con ela, o autor pecha a triloxía narrativa De sombras e de lume, precedida por "Soños eléctricos" e "Sarou/Lanzós".

É unha novela complexa que combina tres historias paralelas, relatadas mediante diversas técnicas narrativas:

A primeira, narrada en primeira persoa e en retrospectiva, é a de Darío Gancedo (cecáis un anagrama de Caride Ogando), un mozo galego que, tras presenciar o secuestro dunha muller, remata involucrado nunha trama criminal. O relato de Darío non é omnisciente e carece de autoridade narrativa total, ata o punto de que exhorta ao lector a crer, a dar valor á súa historia, aumentando así a indefinición de realidade e fantasía predominante na obra.

A segunda é a de Natalie, unha muller francesa que, sabedora de que padece un cancro incurábel, fuxe da súa vida na Bretaña e comeza unha odisea que a leva ata Galiza, percorrendo o camiño de Santiago. Este fío está narrado en presente, en terceira persoa, por un narrador omnisciente, e ten o prantexamento clásico dun bildungsroman, coa viaxe de crecemento físico e espiritual da protagonista.

E a terceira é a de Xana, azafata dunha compañía aérea que, nos seus desprazamentos a Nova Iorque, adícase ao contrabando duns misteriosos e valiosos cristais chamados Oders. A súa historia está narrada, en segunda persoa e en presente, de xeito omnisciente, polo seu namorado, un escritor que, dende a distancia, láiase da desaparición dela. O escritor diríxese a Xana, de xeito que na diexese semella falar con ela a medida que descrebe as súas accións e os seus pensamentos e sentimentos.

O personaxe de Darío experimenta unha forte evolución ao longo da novela, e como veremos será (ou semella ser) o narrador dos capítulos adicados a Xana. 


As tres historias, que de inicio semellan non ter relación algunha entre sí (o fío de Natalie nin tan só comeza protagonizado por ela, senón que aparece coma secundaria dunha subtrama centrada nun personaxe vehicular chamado Jean-Paul), van confluindo ao longo da novela ata ficar totalmente interconectadas, unidas por unha predestinación fatalista á cal non poden sustraerse.

Porque "O sangue do camiños" é, perante todo, unha novela sobre a fatalidade e a fuxida. Os seus personaxes fuxen tanto do espazo físico como da súa realidade. Darío Gancedo fuxe da súa vila e os acontecementos lévanno a unha carreira desesperada para salvar a súa vida. Xana evádese da realidade mediante os Oders, dos que falaremos axiña. Natalie fuxe da morte que a agarda para buscar a fin ao remate dunha longa viaxe no que atopa xente que escapa a cadanseu xeito: Jean-Luc, Devaux ou Luísa. Pero estas fuxidas son cara diante, cara un destino fatal, irrenunciable, ao cal se lanzan por propia vontade. Collendo emprestada a frase publicitaria de A Esmorga, os personaxes de "O sangue dos camiños" van “fechando portas trás de si e guindando coas chaves”

A novela de Ramón Caride transmite tamén un forte sentimento de soidade, do illamento persoal da nosa sociedade moderna. Vémolo na abulia inicial de Darío Gancedo, na súa saudade do amor perdido, na señardade de Xana nun Nova Iorque ateigado de xente, na cincenta vida de Jean-Luc, na desesperada busca de compaña de Luísa, a moza coa que Natalie coincide no seu camiño.

O fatalismo ven fornecido pola presenza na trama dos Oders, un elemento dacabalo entre a Fantasía e a Ficción científica, uns cristais que permiten, ao seu tacto, experimentar vividamente o sufrimento, a dor e o terror máis severos e mesmo a morte de terceiras persoas (narrados como relatos enmarcados na historia principal). Estes cristais unirán os camiños de Darío Gancedo e Xana, forzando ao primeiro a unha aventura de "detective afecionado" con feituras de Thriller, e a Xana a un periplo por Nova Iorque que, polo seu desenvolvemento, pola descripción da cidade e as súas xentes e pola técnica narrativa empregada por Ramón Caride, trae reminiscencias do estilo de Paul Auster. 


Pódense ver os Oders coma un símil coas drogas psicoactivas, co uso da droga con fins recreativos, como medio de evasión da realidade, da mesma maneira que se reflicte o sexo como elemento de ruptura. Son as pulsións as que guían aos personaxes, principais e secundarios, na súa fuga.  

Tanto polo seu prantexamento argumental como polos aspectos literarios, "O sangue dos camiños" é unha obra complexa pero de lectura agradecida, que corresponde cumpridamente ao certo esforzo que pode supor aos lectores menos afeitos á literatura cultista. Compre citar que a narración de Xana conta con longas pasaxes escritas sen empregar signos de puntuación. Dividida en capítulos que alternan as tres historias, a novela está relatada de xeito non liñal, sen especificar as referencias temporais e cunha narración que se move entre o real, o fantástico e o onírico.

Incluso asistimos, chegado o desenlace, a unha suplantación dun personaxe por outro, que nos fará dubidar sobre a verdadeira identidade da persoa cuxa andaina levamos seguido dende o comezo da historia, experimentando dúbidas e ambigüidades semellantes ás que nos ten acostumados a obra de Philip K. Dick.

Resulta difícil etiquetar a novela ou ubicala nun xénero concreto, pois posúe elementos de varios: a fantasía, a ficción científica, a novela negra, a erótica, o drama, a narrativa contemporánea... pero amosa tamén, por momentos, unha proxección cara o cinematográfico, mesmo recreándose nos excesos e as inverosimilitudes das road-movies e do cine de acción.

Unindo fondo e forma, cativadora no argumental e no literario, "O sangue dos camiños" e un traballo de ourive, fabricado unindo moitas pezas pequenas, que require moitos puntos de vista para abranguir todos os seus detalles. Unha novela que se segue a ler unha vez rematado o texto, pois deixa ao lector un traballo, case un deber, de conformar e armar a historia proposta, e da que non resultan esaxeradas as louvanzas que lle ten adicado a critica especializada. 


Ligazóns de interese: 

Recensión de Francisco Martínez Bouzas en Xerais

Perfil de Ramón Caride en Ed. Xerais

Entrevista a Ramón Caride en Praza.gal 

Entrevista a Ramón Caride en Criticalia

Artigo de Beatriz Rico (en PDF) sobre "O sangue dos camiños" e "Trece badaladas" (Suso de Toro) como exemplos de novela gótica contemporánea. 

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes