4 de noviembre de 2015

Despois do cataclismo - María Alonso

Sinopse: Unha xerarquía perfectamente estructurada foi imposta por unha élite de gardiáns de Tradición. Porén, mesmo nun mundo baixo o máis férreo control, a arela pola liberdade é maior que o medo ao castigo.

Despois do cataclismo é unha historia sobre un futuro que moito se asemella ao pasado; unha reflexión sobre o sen senso da represión estrutural contra o que sae da norma; o conto dunha heroína sen nome, dun home que perde o entendemento, dunha comunidade que vive baixo terra, duns líderes que non permitirán ningún tipo de rebelión.

Despois do cataclismo non queda nada, porque a violencia sempre leva á fin.


"Despois do cataclismo" é a primeira novela de María Alonso Alonso, doutora en literatura e licenciada en filoloxía hispánica e inglesa, que xa publicara relatos en antoloxías como "Plug & Play" ou a periódica "Contos Estraños". Chega de man de Urco Editora, no seu selo Alcaián, do que xa viramos títulos como "Hostal Norte" de Xosé Duncan ou "Ninguén lembra" de Vanesa Santiago. 


"Despois do cataclismo" é unha novela de Ficción Científica e Anticipación de corte distópico, que combina o subxénero biopunk e elementos fantásticos propios da mitoloxía galega cunha reflexión sobre o papel da muller baixo os rexímenes totalitarios como o que a autora xa amosara no seu relato "As DrMartens da última anarquista" (publicado en "Contos Estraños, Segunda Era", no 2014)

O cenario que prantexa María Alonso é un futuro no que, tras un cataclismo de orixe indeterminada, a humanidade retorna ao modo de vida primitivo propio da cultura castrexa, nunha sociedade estamental e ríxidamente xerarquizada, que exerce un control absoluto dos seus membros mediante (e velaquí comeza o biopunk) a imprantación, no momento de nacer, dun Nanochip do Pensamento no cerebro que transmite ordes ao portador, anulando a súa iniciativa e a súa personalidade, garantindo un respeto absoluto das normas sociais sen cuestionamentos. Nesta cultura neocastrexa a poboación agrúpase en castros, gobernados por un Señor do Castro e un cabildo de gardas da Tradición, namentres o estamento inferior adícase por enteiro a labores manuais (agricultura, gandeiría) dictadas polos seus nanochips. Un dos fíos argumentais liga a novela coa fantasía folclórica galega, a través da obsesión do Señor do Castro coa Moura de Narcha, pola que devece e perde a cordura, desatendendo na súa procura o destino do castro. 

A novela, protagonizada por unha moza anónima, está dividida en catro partes. Na primeira, narrada en terceira persoa, asistimos ao nacemento da protagonista e á súa vida en Castrovilar ata que é chamada á presenza do Señor do Castro, en Castromaior, co gallo da súa primeira menstruación. A segunda parte é un breve interludio. Na terceira, narrada en primeira persoa pola protagonista, ésta entra en contacto cunha caste de desposuídos coñecidos como os Narchos, e a autora vai introducindo información sobre o cataclismo e o mundo existente antes del. Na cuarta parte, narrada de novo en terceira persoa, descubrimos a realidade sobre a Moura de Narcha e obtemos unha maior revelación sobre o mundo pre-cataclismo, pechándose a historia cunha escena vencellada á devandita segunda parte.  


Compre salientar que, malia súa brevidade, "Despois do cataclismo" ten o valor de ir desvelando a trama aos poucos, de xeito que a imaxe que temos ao inicio da novela do mundo prantexado por María Alonso vai mudando no percurso da leitura, segundo se incorporan novos personaxes e puntos de vista. En conxunto é unha reflexión sobre o totalitarismo e a responsabilidade que supón o exercizo da liberdade, contrastando por unha banda a vida doada pero inane nun rexime no que fican anuladas a vontade, os desexos, os soños, a iniciativa persoal, a toma de decisións e as inquedanzas a cambio de ter cubertas as necesidades básicas, e pola outra unha situación de liberdade real (unha anarquía de facto) na que o custo é unha supervivencia precaria dependente por completo de factores alleos. 

"Despois do cataclismo" ten un carácter fortemente distópico e contracultural, como é propio do subxénero -punk da Ficción Científica, se ben María Alonso pon máis énfase no trasfondo social da historia que nos aspectos estéticos, ata o ponto de non haber case descripcións ou ser moi curtas, dacordo a estensión do texto (apenas 124 páxinas).

E dentro deste pesimismo, desta sumisión do individuo ao colectivo e do orgánico ao cibernético, destaca a dimensión feminina, pois na reflexión de María Alonso, tanto antes como despois do cataclismo, a muller áchase dobremente asoballada, reducida á condición de femia reproductora ao servizo do rexime totalitario, sen ser dona do seu propio corpo e sen capacidade de decisión sobor del. 

Moura, por Faerika [fonte]

No formal, o estilo da autora é sinxelo, tanto como o léxico e as descripcións. Porén, non renuncia ao lirismo ("...até que chegou o duro inverno e con el mesmo os anhelos se xearon..."), algo que observa tamén no uso frecuente do enunciado "Di a lenda...", que imprime á novela un ton fantástico e de narración oral, con reminiscencias do folclore e a cultura popular. 

Pola miña banda, coido que "Despois do cataclismo" supón un chanzo cara arriba para María Alonso, e un exercizo meritorio de construcción da Ficción Científica sobre a base da cultura e o folclore tradicionais galegos. Unha novela que pola súa temática, polo seu estilo narrativo e pola súa extensión, é unha leitura axeitada para o público xuvenil e mesmo para o seu uso escolar. Para todo o cal contribúe a edición de Urco, cun volume de peto no que salientar a xa cotián calidade de maquetación, papel, deseño e impresión. 



ÓNDE ATOPALO: "Despois do cataclismo" pode acadarse nas librarías do país ou na tenda do Consorcio Editorial Galego.


LIGAZÓNS DE INTERESE:

Páxina de Urco Editora
Facebook de Urco Editora
Fragmento da novela en Cadernos da Crítica
María Alonso na AELG
María Alonso en Facebook
Ficha do libro en Redelibros
Ficha do libro no Consorcio Editorial Galego


FICHA TÉCNICA:

Despois do cataclismo
Autora: María Alonso Alonso
Editorial: Urco Editora
Colección: Alcaián
Data de publicación: 2015
ISBN: 978-84-15699-69-9
EAN: 978841569969
Formato: rústica con capas fornecidas
Páxinas: 124
Prezo: 12€

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes