14 de julio de 2015

Non hai luz sen oscuridade - Andrea Barreira Freije

No mundo de Lea só hai escuridade e frío, non hai lugar para a luz e o calor. Para unha feiticeira das tebras non hai outra opción, e menos cando se é filla dos Señores da Noite. Para desenvolver ao máximo os seus poderes, terá que ir na procura dun dragón a quen debe domar. Acompañada dun corvo teimudo e unha loba que é a súa sombra, internarase nun camiño cheo de claroscuros no que atopará o que máis teme: a si mesma. 


Publicado no 2015, Non hai luz sen oscuridade é unha novela de Andrea Barreira Freije. É xornalista e redactora con experiencia en diversos medios de comunicación. Imparte obradoiros de técnica narrativa e colaborou co programa radiofónico O Sombreiro de Merlín. Como escritora publicou relatos en medios dixitais como Boolino ou Aire, e en diferentes escolmas, entre elas a revista Contos Estraños. Non hai luz sen oscuridade é a súa primeira novela. 

Non hai luz sen oscuridade inclúese na colección Urco Xuvenil, coa que Urco Editora achega a Fantasía en galego ao público máis novo, cunha serie de libros de extensión moderada, liña de deseño común (neste caso a capa é de José Ángel Ares) e historias axeitadas para a leitura tanto de lecer como nos centros escolares.

[fonte: Linkedin da autora]

A Fantasía é un xénero privilexiado á hora de tratar o eterno tema do bildungsroman ou novela de aprendizaxe. A súa raigame no folclore e nas lendas populares e o seu forte vencello coa tradición europea do conto permítenlle voltar unha e outra vez sobre a viaxe iniciática e de procura persoal sen que ésta deixe de nos parecer unha historia nova cada vez que a lemos.

Nesta liña, Non hai luz sen oscuridade, primeira novela de Andrea Barreira, resulta un bildungsroman de manual, cunha trama que segue, un por un e en perfecta secuencialidade, os fitos no camiño que debe cumprir o heroe das mil caras postulado por Joseph Campbell. 

Así pois, temos a unha protagonista na súa mocidade, unha feiticeira chamada Lea, filla dos Señores da Oscuridade, que para desenvolver os seus poderes máxicos precisa atopar un dragón negro e domalo. O cal levaráa a unha viaxe tanto física como espiritual, na que se vai atopando gardiáns e aliados que lle permitirán superar unha serie de probas e perdas persoais, e tras o cal voltará ao seu fogar transformada nunha adulta. Neste caso, o maior ponto de interese de Non hai luz sen oscuridade atópase, como o seu título adianta, no que podemos chamar o aliñamento de Lea (un concepto cotián na fantasía), pois a moza terá que rachar coa súa predestinación cara o escuro, e non será senón a través das dúas caras do seu ser, luz e escuridade, o Ben e o Mal, que o seu autoachádego teña lugar e a súa personalidade e todo o seu potencial máxico se desenvolvan por completo.  

O río Lea, o afluínte do Miño que da nome á protagonista [fonte]

A novela divídese en dazasete capítulos intitulados, de extensión parella, e é salientábel a súa coidada estructuración, pois cada capítulo (ou cada subconxunto de dous capítulos) corresponde cun fito na aventura de Lea e os seus amigos: atoparse un gardián, un inimigo ou un aliado, obter un obxecto, enfrontarse a unha proba... Esta rixidez ten vantaxes, como proporcionar unha lectura cómoda e doada de seguir para un público xuvenil, especialmente axeitada para o ámbito escolar pola brevidade dos capítulos, que permiten deixar e retomar a leitura aos poucos. Porén, supón unha certa eiva a nivel narrativo, pois non existen grandes momentos, feitos da historia que sobresaian claramente sobre os demáis, senón que teñen todos a mesma intensidade, e mesmo o final non posúe un clímax notábel que xogue coa tensión e distensión narrativa. 

Alén diso, e malia verse condicionada pola necesidade de condensar o texto, Andrea Barreira ofrece unha historia entretida, que acada a interese do leitor e que apresenta un conxunto de personaxes rechamante, con elementos orixinais (e outros referenciados á fantasía tradicional europea) e que fuxen de lugares comúns na fantasía heroica, como iremos vendo.

Lea (que toma o seu nome do río Lea, un pequeno afluínte do Miño que transcorre pola provincia de Lugo) é unha feiticeira, filla dos poderosos Señores da Oscuridade, e destinada polo tanto a sucederlles á fronte das criaturas e as forzas escuras, para o cal deberá antes desenvolver os seus poderes máxicos. Acompañada dun corvo e dunha loba chamada Sombra, comeza unha viaxe que a levará, entre outras cousas, ata Eume, un druída branco (cuxo nome evoca ao momento ao río e ás fragas que o arrodean) que a adestrará nas artes máxicas alleas a ela, a coñecer a Sarxa (que leva o nome da pranta de moitas e grandes propiedades medicinais), unha fada da luz que se converterá na súa mellor amiga, a cruzarse no camiño de Amadeo, un príncipe e cabaleiro andante de dubidosas intencións, e por riba de todo a asumir e comprender toda a súa maxia, dominando os catro elementos: ar, auga, terra e lume. 

O río Eume e as súas fragas, que nomean ao poderoso feiticeiro [fonte]

Á transformación espiritual acompáñalle a física, e Andrea Barreira caracteriza a Lea coa pel recuberta de tatuaxes rúnicos que se espallan e cambiar de cor cando asume ou usa a maxia. O aspecto e o vestiario da protagonista serán un recurso estilístico efectivo á hora de ilustrar a súa loita entre luz e oscuridade, e un dos poucos momentos nos que a autora pode deterse en descripcións, pois novamente a limitada extensión do texto condiciona o estilo, cunha narración práctica, pouco descriptiva e resolta con economía de medios, o que reflicte contención e permite que domine a acción sobre a ambientación. 

A narración ten un aquel de conto tradicional, de xeito que Lea permanece en primeiro plano en todo momento, e toda a histora xira arredor dela, cunha única unidade de acción, á maneira das lendas e dos relatos tradicionais, e mesmo o estilo narrativo, o desenvolvemento da historia, amosan una clara influencia do relato heroico e mitolóxico. Descoñezo as influencias particulares da autora, pero en Non hai luz sen oscuridade semellan aboiar o Tolkien de O Silmarillion, o Michael Ende de A historia interminábel (en especial o periplo de Bastian por Fantasía) e mesmo Michael Moorcock coa súa fantasía escura e o seu campión eterno vagando na procura do seu destino. 

Non falamos somentes do feito de narrar unha viaxe física e de aprendizaxe, senón tamén, e aquí chegamos a un ponto importante da obra, da ruptura co maniqueísmo e cos aliñamentos simples e opostos: o Mal e o Ben ao que acostuma a Fantasía heroica. Andrea Barreira opta por unha historia de claroscuros, na que a identidade e a natureza persoal están compostas de ámbolos dous compoñentes, ao xeito dos conceptos taoístas do Ying e o Yang. Todo é dual, non existen o Ben e o Mal puros en nada nin en ninguén. 

A Sarxa, a pranta medicinal da que recibe o seu nome a pequena fada [fonte]

Do mesmo xeito que Lea non acadará o máximo do seu grande poder ata que domine tanto a maxia da luz como a da oscuridade, o resto de personaxes amosan que nin a luz e a albura representan sempre ao Ben, nin a sombra e o escuro representan sempre ao Mal. A amizade de Lea e Sarxa, unha criatura da luz, é posíbel, como o é que Amadeo, o príncipe azul de conto infantil consagrado a loitar contra a maldade e protexer damiselas malia que elas non queiran, teña un concepto maniqueo e errado do seu propósito. 

A intención de Andrea Barreira resulta notábel en tanto Non hai luz sen oscuridade é unha novela xuvenil, e estamos a falar de educación en valores. As maiores críticas á Fantasía heroica viñéronlle sempre da man do maniqueísmo, da violencia, do machismo, da exaltación da monarquía, do ton reaccionario, da apoloxía da relixión, do clasismo... Dixemos que a autora fuxía de lugares comúns, e temos unha historia que racha con esa herdanza, e protagonizada por unha rapaza coa que mozos e mozas poden identificarse fácilmente, pois partilla con eles moitos dos problemas e preocupacións propios da súa idade, como a formación da identidade e a imaxe propias ou as expectativas dos pais e da sociedade ao respecto deles. 

Non hai luz sen oscuridade é, en resumo, tanto unha prometedora primeira novela para Andrea Barreira Freije, aínda coa súa marxe de mellora, como un libro ben axeitado para iniciarse na Fantasía, máis unha mostra de que os novos autores están a transformar a Fantasía heroica para ceibala dos seus estereotipos. 




Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes