22 de marzo de 2015

As crónicas de Bran vol. 3: O solpor dos deuses - Xosé Duncan

Resumo: A profecía que arrepía ao deus Donn está perto de se producir, e a destrucción da Terra de Alba semella chegada. Namentres Bran fica preso no noso mundo, os pobo picto, liderado por Eidlynn, loita tanto contra os invencíbeis enxeños mecánicos do mestre Reloxeiro, que caen do ceo e destrúen canto atopan, coma contra o exército de Lord Daru. Chega a fin da era dos deuses, e a única esperanza de Alba son os Cristais, que voltan espertar e agardan polo heroe anunciado.


Título: As Crónicas de Bran volume 3: O Solpor dos deuses

Autor: Xosé Duncan, o escritor galego que xa coñecimos coa serie "As crónicas de Bran" e coa novela de terror "Hostal Norte". As ilustracións interiores son de José Ángel Ares, e as capas son obra de José María Picón

Ano de publicación: 2015

Xénero literario: É unha historia de Fantasía, máis en concreto de Fantasía heroica ou épica, que ten o desenvolvemento e ton propios da novela de Aventuras. Ten tamén elementos da Ciencia-Ficción e o seu subxénero Steam-Punk. Polo seu prantexamento, é unha leitura axeitada para o público xuvenil. 

Con "O Solpor dos deuses", Xosé Duncan conclúe a triloxía de "As Crónicas de Bran", a primeira saga de Fantasía Heroica escrita e publicada íntegramente en Galego. Como xa vimos na súa presentación, é a parte máis épica e tamén a máis crepuscular das tres. A ambientación fusca e o carácter fatalista marcarán a historia de Bran e o resto de personaxes perante toda a novela. 

Dende o seu título, que vencellamos á opera de Richard Wagner e, por medio dela, ao Ragnaröck da mitoloxía escandinava, "O solpor dos deuses" é a historia da inexorábel e ominosa fin da era que ambienta a triloxía.

O texto reflicte a notoria influencia de dous autores titánicos e das súas creación máis tráxicas e escuras. Por unha banda, a mestura de fantasía crepuscular e Ciencia-Ficción New Wave de Michael Moorcock. Pola outra, as crónicas de Bran Mak Morn, o rei picto de Robert E. Howard, soberano dun pobo bárbaro que resistía o avance da civilización refuxiado na breixeira. 



Ademáis dos grandes enxeños mecánicos, froito da ciencia e da maxia por igual, que tanto gostaban a Moorcock, e do protagonismo do pobo picto na Terra de Alba, Duncan aliña coas súas referencias a partires do seu elemento común máis salientábel, dun fado tráxico que Bran partilla con Elric de Melniboné e con Mak Morn: ser o derradeiro dunha linaxe, testemuña dun mundo esmorecente e dunha era que esvaece con el.

A escuridade esténdese ao noso mundo, pois en "O solpor dos deuses" asistimos tamén á saída de escea doutro personaxe principal da saga, a través do cal fican ligadas a Terra de Alba e o Barbanza: O Solla, o vello mariñeiro convertido en heraldo e factótum do demo. A despedida do Solla ennobrece ao personaxe e pecha o seu fío argumental cunha homenaxe ao cineasta Todd Browning e á súa cinta maldita de 1932 "Freaks" ("A parada dos monstros"), que aportan un esceario de terror e misterio na forma de espectáculo de fenómenos de feira, que inclúe a varios elementos do filme, coma o home-torso ou os cabezas de alfinete, un deles chamado Todd.

Compre dicir que "O solpor dos deuses" é a entrega máis violenta das tres, na que as mortes contabilízanse por milleiros e na que as pelexas conclúen con decapitacións, membros cercenados, e corpos queimados por medio de brazos-lanzalapas que semellan saídos de xogos como Warhammer ou Warcraft.

Os habitantes da Parada dos Monstros.

Porque outro dos feitos diferenciais da saga e a súa mestura coa Ciencia-Ficción, no seu subxénero steam-punk, que neste volume acaba a súa máxima expresión da man do Mestre Reloxeiro, a lúa de metal (que ilustra a cuberta) e o seu exército de autómatas, que atacan a Terra de Alba en enormes barcos voadores.

Veremos tamén o retorno do grande vilán da obra: Lord Daru, que recupera o seu esplendor e a súa posición á fronte das tropas do deus Donn. De tal xeito que a novela narra unha guerra a tres bandas: O exército do Mestre Reloxeiro, o da Terra da Nada, e os coitados pictos, en desvantaxe con calquera dos outros dous, defendendo a súa terra con xenreira desesperada.

Os amantes dos personaxes da saga han notar, falando diso, unha grande evolución dos mesmos. Eidlynn comandando aos pictos, que loitan coa seu espíritu guerreiro acendido por Môrrigan, que perde xa a súa metade como alquimista e aparece na súa face de deusa da morte e da destrucción. o Bran moito máis maduro, capaz de asumir o papel que a profecía lle reserva. A Consorte convertida nunha figura despótica e autoritaria co seu pobo, e cruel co seu antigo amado, o dragón vermello Nash, que amosa toda a humanidade que a súa namorada perdeu. Patrick terá unha intervención breve pero crucial, que o erixe coma heroe, e o probe Navegante é máis que nunca o desafogo cómico. En canto ao  Lord Daru, desvélase un dato sobre o seu pasado e a súa orixe, que o vencellan a Bran dun xeito que o convirte nunha sorte de reflexo maligno deste.

Lord Daru

Capítulo aparte merecen o Mestre Reloxeiro, ao que sería máis axeitado chamar Cronos, que representa o maquinismo, a perda da humanidade e a face máis nefasta da ciencia; e a Curuxa, se callar o personaxe máis agarimado polo Duncan, que amosa toda a súa capacidade de sacrificio, os seus remorsos e a súa ansia de arranxar os seus erros, pero que carga cun destino tráxico que a fai asumir a consecuencia dos seus feitos ao longo da saga.

Se dixemos que o Reloxeiro está moito máis perto de Cronos que da súa natureza humana, habemos dicir tamén que isto vai en liña co título do libro, en canto Cronos aparece coma participante dun conflicto cósmico, a Guerra dos Antigos, que chega á súa fin, do mesmo xeito que Donn colle conciencia de que remata a súa era, a era dos Tuatha (ou Tuatha Dé Danann, os deuses da mitoloxía gaélica).

Non podemos pasarmos por alto a explicación de que a Montaña Sagrada de Elawei estivera no centro de todos os acontecementos da saga, e que ten que ver, como imaxinabamos, coas forzas telúricas, se ben o sorprendente é o papel que han xogar os Cristais, e máis a relación que terán con Bran.


Patrick o feiticeiro, á fronte, con Bran
ao fondo, co Navegante no seu ombro.

Na parte literaria, "O Solpor dos deuses" está dividida en once capítulos intitulados, e posúe un ritmo narrativo moi alto, que gaña aínda máis axilidade ao ir alternando, dentro do mesmo capítulo, esceas das diferentes liñas de acción, separadas por asteriscos, co cal as subtramas van transcurrindo en paralelo e a historia avanza dun xeito moi visual.

O estilo é sinxelo en canto non emprega descripcións demasiado extensas, e onde máis brila a prosa é nas esceas de loita, tanto de enfrentamentos corpo o corpo como de grandes combates multitudinarios. A ambientación, pola súa banda, está moi acaída, e acho que Xosé Duncan vai alén das dúas entregas anteriores en atmósfera narrativa.

Sen dúbida, "O Solpor dos deuses" é a conclusión axeitada a triloxía, e ha gustar aos seguidores da saga pola súa atmósfera, xa dixen que a máis escura das tres. Son moitos os elementos que lle dan valor: As referencias ás mitoloxías irlandesa e escandinava, a inquedante presenza dos nigromantes do exército da Terra da Nada, a figura dun Donn vencido e resignado á súa desaparición, o exército mecánico de Cronos, o segredo de Lord Daru, a ligazón de Nash coa esencia humana, o retorno de Bran, a capacidade de sacrificio de Patrick, o vagar de Curuxa por Annwn, a redenzón do Solla... un adeus que os leitores de "As crónicas de Bran" non poden perder, e que supón un chanto na consolidación da fantasía heroica galega, coa Editorial Contos Estraños como un dos seus cernes.



Ligazóns de interese:


A triloxía ten un blogue e unha páxina de Facebook.

A Editorial Contos Estraños ten páxina en Facebook e perfil en Google+

Xosé Duncan ten o seu blogue e os seus perfís en Facebook, Twitter e Google+.

José Ángel Ares ten páxina web, páxina de Facebook, e perfís en Twitter e Devianart.

José María Picón ten páxina web, páxina en Facebook e perfil en Twitter.


Ficha técnica:


Editorial: Contos Estraños

Depósito Legal: C 397-2015

ISBN: 978-84-942971-6-8

Licenza: Creative Commons España 3.0

Páxinas: 253

Prezo: 16 euros




E así, coa tristura de ter rematado unha triloxía, e de que o seu universo literario chegue á súa fin; mais tamén coa ledicia de tela seguido dende que naceu hai xa tres anos, e de atesourar a primeira saga de Fantasía heroica escrita e publicada en galego, despedimos "As Crónicas de Bran", e ficamos agardando por máis fantasía e aventuras procedentes do fabriquín de Contos Estraños. Lémonos!


Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes