25 de diciembre de 2014

Hostal Norte - Xosé Duncan - Galego

Resumo: Brais, un mozo de dezanove anos, escapa da casa dos seus pais a unha cidade afastada, onde lle agarda o seu amigo Xoel, quen lle acadou traballo canda el e acubillo no Hostal Norte. Mais á súa chegada todos os seus plans torcen, e o Hostal e os seus estraños hóspedes mergullan a Brais nunha vertixe onde a realidade e os pesadelos mestúranse para impedirlle deixar atrás as lembranzas das que tentaba fuxir. 

Hostal Norte Xosé Duncan Portada

Título: Hostal Norte (ou Hostal N\orte)

Autor: Xosé Duncan. De Taragoña, Rianxo, mais vive en A Coruña. Autor da triloxía de Fantasía heroica As crónicas de Bran, publicou tamén relatos na antoloxía Contos no nicho, nas escolmas dixitais Sombras no berce e Tebras na alma (nas que tamén ilustra varias historias) e na revista pulp galega Contos Estraños.

A cuberta e as ilustracións interiores son de José María Picón, compostelano. Fotógrafo, deseñador e ilustrador, é colaborador habitual de Duncan. Deseña principalmente cubertas para libros e discos. Coma escritor, publicou un relato en Contos Estraños e outro en Tebras na alma

Xénero literario: É unha novela curta de terror psicolóxico, con elementos do xénero fantástico, cunha atmósfera de misterio e cun argumento de suspense e máis intriga. 

Xosé Duncan

Hostal Norte está editado por Urco Editora, no seu selo Alcaián, destinado á publicación de autores propios, e especializado no terror, a fantasía, o misterio e a Ciencia-Ficción. É un volume de 138 páxinas, dividido en trece capítulos, catro dos cales van acompañados por unha ilustración e posúen unha folla de título con tipografía manuscrita. A edición amosa a calidad a cal nos ten acostumados Urco, con papel groso, pastas fornecidas, tamaño de fonte grande e maquetación con marxes amplos, o que permite, dunha banda, que a leitura sexa cómoda, e da outra que o libro teña un lombo o bastante largo para que fique ben no andel.

Xosé Duncan recoñece que a principal referencia para concebir o seu Hostal Norte foi o estadounidense Edward Bryant, e en particular a súa novela Entre los muertos. Mais compre ir alén, pois Hostal Norte chanta os seus alicerces nunha tradición literaria vencellada a O Golem de Gustav Meyrink; ás enganosas Historias de lo oculto de D.H. Lawrence e a Henry James coa súa Otra vuelta de tuerca; aos contos oníricos de Lord Dunsany e ao horror cósmico de William Hope Hodgson; e que na Ciencia-Ficción acadarían a mestría nas mans de Philip K. Dick. Falamos da literatura na que as experiencias mentais e imaxinarias do protagonista mestúranse coas reais ata o ponto de se faceren indiscerníbeis, e os mundos exterior e interior fúndense nun, levando tanto aos personaxes como ao leitor á dubida e a inquedanza de non distinguir o real do falso, o vívido do imaxinado. Como pasa en Hostal Norte, esta incertidume pode levar ao protagonista ata os limiares da tolemia. 

Edward Bryant Entre los muertos
A inspiración para o autor [fonte: Facebook]

A narración comeza coa chegada de Brais, en autobús, a unha cidade innomeada, fuxindo da súa casa cunha bolsa con algo de roupa e cento cinco euros no peto. Aló agárdao o seu amigo Xoel, que lle procurou aloxamento no Hostal Norte e un posto na empresa na que él traballa. Xa no hostal, coñece á Abuína, a dona, e aos poucos ao resto dos hóspedes: Lara, a moza que traballa nun supermercado; Agustín, un home que vive co seu can; os Moure, unha familia cuxa filla Lúa xoga nas escadas... porén, Xoel non aparece por ningures. Acode á empresa onde traballa, pero alí non coñecen a Xoel ningún nin hai postos vacantes. Segundo pasan os días, Brais vai descubrindo que nada no Hostal é o que semella, comeza a sofrer pesadelos, enfebrece e remata por non ser quén de distinguir se o que transcorre ao seu redor é real ou froito da súa imaxinación. Non será ata o final que todas as pezas encaixen, e os acontecementos da novela, e mesmo os pesadelos de Brais, gañen todo o sentido e a historia de Hostal Norte se comprenda con todas as súas implicacións.

Porque a novela de Xosé Duncan ten varios níveis de leitura que poderiamos chamar concéntricos. Dentro do ton xeral fantástico, hai catro capítulos exclusivamente oníricos, os catro que van acompañados de ilustración. Pero, a súa vez, os pesadelos de Brais perante os devanditos capítulos posúen un simbolismo que os vencella coa súa vida previa á chegada ao Hostal, e representan os feitos que desembocaron na súa fuxida da casa, intepretando a realidade mediante imaxes e símbolos dun xeito freudiano. 

Hostal Norte
Escadas do Hostal Norte [fonte: Facebook]

O Hostal, coma esceario, ten tamén o seu simbolismo e as súas connotacións. Comezando polo rótulo, raiado de tal xeito que amosa o nome Hostal N\orte, todo nel ten de certo reminiscencias da morte: a súa decrepitude, a decoración vella e decadente (o papel pintado con flores de lis, os baños amarelados, as escadas ruíns), a enigmática vida dos seus habitantes, todos persoas á marxe da sociedade en maior ou menor grao; a súa anciá propietaria, a Abuína; a contorna, cun bar tamén esmendrellado, coa vidrieira escurecida pola suxedade, e un estanco pechado pola morte de Agustín, o seu dono.

Este esceario asfixiante e incómodo propicia os pesadelos de Brais, no que Xosé Duncan pode ofrecer os parágrafos máis impactantes do libro, chegando por intres ao gore

Teimo en que estes capítulos gañan toda a súa significación cando se coñece o final da historia, e vanse ligando cabos co contido dos mesmos: a presenza de dúas persoas ou dous animais, o sangue, a incapacidade de Brais para dominar a situación, e a súa perda de control. Especialmente significativos son, en O gato que quería comer queixo, o simbolismo dos gatiños e o trato que reciben da súa nai, e o anaco de queixo como obxecto de desexo e discordia; e en As ratas e a crisálide, tanto as frases "Ti... non debías estar aquí" e "Por qué? Por qué vós?" como a identificación das ratas coa traizón. 

Hostal Norte
Ilustración interior de José María Picón para
o capítulo O coello e o ovo de Pascua podre

Nembargantes, a escea máis dura e impactante da novela non procede destas pasaxes oníricas, senón do mundo real, cando Brais acode, convidado, a cear ao cuarto dos Moure, e presencia acontecementos dunha grande violencia, e que rematan cun feito que novamente nos fará dudar entre a realidade ou a falsedade do que vimos de ler. Pero esta violencia non é illada: todo en Hostal Norte é violento, fríxido, desacougante. Os ambientes son sórdidos, moitos personaxes reciben a Brais con hostilidade, e mesmo aqueles que son amábeis con el non terminan de transmitir confianza. 

Nunha cidade descoñecida, sen amigos, sen cartos, só e sen perspectivas de futuro, desorientado e illado nun hostal do que semella no poder saíren, Brais súmese nunha existencia de pesadelo, o que convirte Hostal Norte nunha novela de terror psicolóxico puro, pois transcorre dun xeito mental, interior, e cada pensamento e cada percepción do protagonista e do leitor están condicionados negativamente pola atmósfera impresa por Xosé Duncan. 

Xosé Duncan José María Picón
Xosé Duncan e José María Picón [fonte: Facebook]

No literario, é unha novela breve, e pódese ler en dúas ou tres horas, tanto pola súa pouca extensión coma polo seu estilo sinxelo, pois posúe un ritmo alto e moi áxil. Porén, compre ir levando conta dos feitos e establecendo ligazóns entre eles, pois é coma unha miniatura chea de detalles, como unha alfaia que hai que contemplar amodo para apreciar todos os seus matices. 

O seu autor aconsella lela dúas veces, e eu de feito fixen tal para preparar esta recensión. Sei que perdín algunha liña, pero achei que o maior pracer da leitura de Hostal Norte (ou N\orte) e o suspense que mantén, a sensación de intriga e de devezo por chegar ao final, e que o misterio do Hostal e o destino de Brais se descubran. Malia evidencia de que hai algo sobrenatural, de que algo non está ben, é difícil adiviñar o secreto da historia, ata a revelación final, que para min foi imprevisíbel. 

Xosé Duncan José María Picón
Autor e ilustrador traballan a parte gráfica de Hostal Norte [fonte: Facebook]

Persoalmente, destacaría como pistas principais a figura de Agustín, co seu inseparábel can, e a de Blas, o vello seareiro do bar a carón do Hostal, vencellado con Brais (xa no nome) e que leva a novela cara a recurrencia e, como habemos ver, cara o eterno retorno e o mito da pedra de Sísifo. Acharedes tamén unha abafante sensación de encerro, de ausencia de saídas e de inexorabilidade, que supoñen una metáfora sobre a culpa, o pasado do que non se pode fuxir e o purgatorio no que se converte a existencia do protagonista. 

Máis datos de interese: Na web de Urco editora pódese mercar o libro,  e todas as datas e lugares das presentacións que están a facerse están dispoñíbeis no Facebook do libro, no da editora e no do autor, que tamén ten blogue e perfil no Google+. O ilustrador José María Picón está presente no Facebook na súa páxina profesionalHostal Norte ten a súa ficha en redelibros, no Goodreads e na páxina do Consorcio Editorial Galego, onde está á venda tamén.

E velaquí tendes un fragmento da presentación na Libraría Suévia, de A Coruña, coa presenza de Xosé Duncan, José María Picón e máis David Cortizo, o editor do libro. Non se me ve, pero andaba por aló. 



OUTROS LIBROS DE XOSÉ DUNCAN EN KINDLEGARTEN:


- As crónicas de Bran vol.1: A revolta dos mestres
- As crónicas de Bran vol.2: A porta de Annwn

Polo de agora, isto é canto vos podo contar de Hostal Norte, a última novela de Xosé Duncan, sen vos desvelar detalles cruciais da trama e sen vos tirar o desfrute de pasar medo con ela e de achar por vós mesmos os enigmas que contén. Unha historia recomendábel sen dúbida e un agasallo perfecto para atesourar. Lémonos!


Compártelo:

2 comentarios:

  1. Fantástica recensión, Tomás. Grazas a feixes e moreas!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Nada, tiña que lle facer xustiza á novela. Grazas a ti, e apertas!

      Eliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *