13 de julio de 2014

Vattene! - Alberte Momán

"É como se 'O extranxeiro' de Camus a tivera escrito William S. Burroughs"
Tomás Rivera (KindleGarten), nun routo de criticidade que lle deu.


Saúdos e benvidos á recensión dunha das obras máis suxerentes que teño lido dun tempo para acó e, se callar, a máis complexa á hora de reseñala. O seu autor defínea como unha micronovela, e abofé que é curta, pero con apenas 74 páxinas amosa unha salientábel capacidade de concreción. Ímola ver:




Título: Vattene! [en italiano "Vai de ahí!" ou "Vaite!"]

Autor: Alberte Momán. Escritor nado en Ferrol, que practica a narrativa e máis a poesía, editor (é o responsable de O Figurante Edicións) e enxeñeiro técnico agrícola. Gañou diversos premios tanto coas súas obras individuais como coas que ten espalladas por numerosas obras colectivas. Pertence á agrupación literaria A porta verde do sétimo andar e colabora con publicacións universitarias.

Ano de publicación: 2012

Xénero literario: Pois é ben difícil de clasificar. É unha novela curta, que poderiamos definir como narrativa contemporánea, pasado por unha peneira surrealista e existencialista, que ven marcada por un sentido do humor negro moi ácedo e expresivo.

Resumo: Un home chamado (ou non) Manech Langonnet, secretario do potentado Alexander Hartdegen, que ven de desaparecer deixándoo como beneficiario da súa grande fortuna, narra, en primeira persoa, cómo esperta un día na súa casa en Coristanco, e acha que unha oscuridade súpeta non lle permite ubicarse no mundo. Sae da casa e comeza unha fuxida a pé, vagando espido, sen rumo e durmindo nos prados. Unha vaca falante proporciónalle roupa, calzado e un AK47, que tira do seu propio corpo. Chega a unha cidade onde interactúa con personaxes diversos, e remata a súa odisea nun deserto, onde lle conta a súa historia a un home que o recolle no seu jeep

[fonte: Sermos Galiza]

Para Momán, "Vattene!" é unha metáfora da desaparición da clase media. Ao meu xuízo, vai alén e amosa unha reflexión sobre a condición humana e a crise moral e de valores dunha sociedade en evidente decadencia. 

Todo dende unha óptica existencialista que nalgúns intres achégase a un nihilismo ácedo, cáustico e dun cinismo exquisito, que ateiga o texto dun sentido do humor negro que o fai moi divertido e acada á empatía co leitor. 

O periplo do protagonista, tanto físico coma vital, reflicte a intención crítica de Alberte Momán, que carga as tintas sobre as miserias da nosa sociedade; cuxo protagonista é quen de resolver moitas das situacións como nós as teriamos resolto se os convencionalismos sociais nolo permitiran. 

[fotografía propiedade de Nelson Silva]

O estilo narrativo de Alberte Momán neste "Vattene!" é curioso, en canto que é culteranista, usando unha linguaxe coidada, con termos escollidos, e nembergantes amosa unha capacidade de síntese, de condensación, que abraia polo seu xeito de comprimir en setenta e catro páxinas unha historia que outro autor se callar contaría en duascentas ou algunha máis. Momán, como escritor, oponse frontalmente ao recheo, á palla, ao xeito que algúns autores teñen de ampliar os seus textos por mor de esixencias editoriais ou por un sentimento de obriga (nun video que ligo máis abaixo podedes escoitarllo a él mesmo).

"Percibía as miradas reprobatorias que se cinguían sobre min. Paseantes ociosos ou aqueloutros que sucumbían á presión dos días camiñando ás presas, ateigando as rúas, dun lado para outro, dedicaban un instante para censurar a miña apariencia, a do animal que se arrastraba, por vontade propia, ao meu carón."

Por iso, en "Vattene!" non hai descripcións, e cáseque apenas adxectivación. O principal é a trama, que ocupa a narración en detrimento da ambientación, da atmósfera e dos escearios, e non hai espazo para accesorios, nin para escapadas fóra dos pensamentos e os feitos do protagonista. 

O autor apresenta o seu libro "Os quilómetros que percorremos dende aquela"

Perante todo o libro, a ollada de Momán á realidade é claramente existencialista, e a sensación de absurdo e de futilidade vénse fornecidas polo ton surrealista do relato. Cun protagonista que vaga espido e armado cun AK47, que usa en varias ocasións, e que atopa unha vaca laretas que abre o seu propio corpo e tira del un prato de filetes con patacas, roupa, unhas botas Magnum e o devandito fusil. Que é testigo de esceas de sexo entre un crego e unha muller en medio da rúa; que atopa a Leonardo sen estremidades e negocia cun lobo que o poida papar ou non; ou que xa escomeza a narración no medio dun deserto cun coloquio sen sentido cun home que o recolle no seu jeep cando está deitado no chan e un can bichón frisé está a lle trabar unha perna. Puro absurdo, que aínda así constrúe unha historia consistente e que garda, dentro da total irracionalidade, a súa propria lóxica interna. 

Porque a proposta de Momán ten algo do teatro de Ionesco, do pesimismo nihilista de Camus ou Sartre, do delirio manierista de Burroughs, dos personaxes crepusculares e os escearios esmorecentes dos esperpentos de Valle-Inclán, e moito da ollada áceda, crítica e retranqueira de Vicente Risco ou Curros Enríquez.

"- O meu nome é Leonardo, considerado o grande xenio italiano até que decidín barbearme. Momento no que apreixei a nacionalidade ferrolá. Daquela, un movemento independentista conseguira unha demanda de vello, a independencia da Terra de Trasancos.[...]"

O AK-47, omnipresente na novela, un símbolo do que todos nós fariamos se poidesemos. 

A súa brevidade, o pulso narrativo de Momán, que crea interese e mantense firme ao longo do texto; o seu sentido do humor, e a orixinalidade da súa idea principal, fan que "Vattene!" sexa un libro interesante e atraínte, que permite ademáis coñecer a labor de moitos escritores galegos contemporáneos que, como Alberte Momán, andan á marxe dos grandes grupos do mundo editorial do noso país (Xerais, Galaxia) e optan por outras iniciativas editoriais, caso de Q de Vian Cadernos (seica o nome será unha homenaxe a Boris Vian?), que publica esta novela. 

Se dubidades do ton surrealista, delirante e absurdo de "Vattene!", imaxinade esta fera
trabándolle salvaxemente a perna a un home deitado á beira dunha estrada no deserto

Máis datos de interese: Alberte Momán pertence á Asociación de Escritores en Lingua Galega, e velaquí a súa ficha no sitio da AELG. Ten dous blogues, este e máis este. Está en Google+ e en FB, onde os seus perfís son públicos. E ten entrada na Wikipedia. A agrupación A porta verde do sétimo andar ten tamén un blogue con máis información. 

"Vattene!" ten ficha en Goodreads e máis en Redelibros.

Neste sitio tendes a listaxe completa de obras de Momán

E unha escolma de ligazóns que poden aportar máis datos salientábeis:

Un artigo de prensa no El diario de Ferrol sobre a apresentazón da obra [ligazón]

Un artigo de prensa no La Voz de Galicia sobre a apresentazón do libro [ligazón]

Unha recensión do libro concisa e moi clarificadora [ligazón]

Un vídeo coa apresentazón de "Vattene"! polo seu autor, onde expón a súa visión da literatura e explica o porqué da brevidade do seu libro. [ligazón]

Un artigo de prensa sobre o lanzamento de O Figurante Edicións. [ligazón]

O blogue de O Figurante, o seu Facebook e o seu Twitter

Tamén unha entrevista co autor en Sermos Galiza. [ligazón

E máis este video dun encontro literario, no que Alberte Momán lé algúns dos seus poemas:





Vexamos a Ficha Técnica do libro:

Título: Vattene!
Ano de publicación: 2012
Editorial: Q de Vian Cadernos
Selo: A Porta Verde do Sétimo Andar
ISBN: 978-84-15164-78-4
Páxinas: 74
Licenza: Creative Commons Autoría e Atribución, Non Derivados, Non Comercial
Prezo: 8 euros.

Sen esquecer darlle as (moitas) grazas a Alberte Momán polo exemplar do libro, chegamos á fin desta recensión, da que agardo servise para vos dar a coñecer a este salientábel e orixinal autor galego. Lémonos!


OUTROS LIBROS DE ALBERTE MOMÁN EN KINDLEGARTEN:


- "El legado extraterrestre. Una micronovela psychobilly"


Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes