9 de abril de 2014

As crónicas de Bran vol. II: A porta de Annwn - Xosé Duncan

 A derrota do exército de Donn na batalla de Landeiras semella traer a paz á Terra de Alba, pero non será tal. Nash, o novo Forxador de Elawei, só e quén de gobernar coa axuda do Mestre Escuro, que controla ao Dragón Vermello namentres o Reloxeiro segue a maquinar no interior da Montaña Sagrada. Fora, bandas de orcos famentos vagan polas fragas. Bran viaxa cara á illa de Caledonia para se atopar co Navegante, o garda do paso entre mundos; e Môrrigan, na súa propia procura, ha chegar ás confíns do mundo. Seica o futuro da Terra de Alba pasa porque os destinos de todos eles conflúan nos limiares da Porta de Annwn...


Publicada en 2014, As Crónicas de Bran vol. II: A Porta de Annwn e óbra de Xosé Duncan, de quen xa falamos na recensión de A revolta dos Mestres; con ilustracións de José Ángel Ares e portada de José María Picón.

É unha novela de fantasía heróica ou fantasía épica, na súa faciana máis escura, e como unha historia de aventuras e acción, que se pode axustar á escorregadiza etiqueta de "literatura xuvenil".

Continúa os feitos iniciados en A revolta dos Mestres, que viran cara un ton máis escuro. O seu desenvolvemento é non liñal, alternando diferentes unidades de acción. Son salientables a evolución dos personaxes e a complexidade que acadan, o argumento cheo de xiros e dobreces, con inesperados cambios de filiación e plans ocultos, o estar inspirada e baseada tanto no cerne cultural e antropolóxico da Galiza coma nas lendas das nacións celtas, e as súa ambientación referenciada á xeografia do Barbanza. E a construcción do universo persoal do autor a través da súa relación cos seus relatos breves e a novela curta A nena de prata que se engade neste volume.

De esquerda a dereita: José Ángel Ares, ilustrador; Xosé Duncan, autor, e
Fernando Cimadevila, editor; durante unha apresentazón do libro

Ao remate do primeiro libro, deixamos ao exército de Donn derrotado polos pictos na batalla de Landeiras, a Lord Daru caído en desgraza, ao Mestre Reloxeiro atopando o corazón de Cronos no interior da Montaña Sagrada, a Curuxa voando cara a Elawei, a Nash entrando en contacto co Dragón vermello e ao pobre Bran convertido en corvo. E este segundo libro comeza xusto onde remata o anterior. 

A súa estructura narrativa non é puramente liñal, pois malia que os acontecementos transcorren cara diante, altérnanse diferentes unidades de acción, co foco nos diferentes personaxes, as cales van confluíndo ao longo da narración:

Por unha banda temos a Bran tentando entender porqué rematou na súa nova forma córvida, tendo saudades da súa amada Eidlynn e viaxando cara á illa de Caledonia en compaña da misteriosa Nimue, onde agarda recuperar a súa forma humana. 

Por outra a Môrrigan, ao mago Patrick, a Eidlynn (que tambén non é quen de esquecer a Bran) e ao guerreiro picto Lerhei nunha viaxe cara ao Cabo da Fin, chea de perigos.

Namentres, en Elawei, Nash é o novo forxador, aínda que tutelado polo Mestre Escuro, e vai perdendo a súa humanidade en favor da natureza do Dragón Vermello co que agora comparte entidade.

Curuxa ten os seus propios plans, que inclúen a resurreción das Sacerdotisas de Hermes. 

E no máis profundo da Montaña Sagrada, o Mestre Reloxeiro tenta facerse co poder do descuberto corazón de Cronos. 

A aportación de José Ángel Ares é magnífica. 1) Combate entre dragóns. 2) Nash
3) O Navegante 4) Nimue 5) O barco de Cronos 6) Môrrigan e Patrick 7) O Mestre Reloxeiro
8) O diaño/Merinia - 9) Donn na súa forma de lobo

Isto lévanos a un dos elementos principais desta saga: Os seus personaxes. Porque os coñecemos do primeiro libro, é certo, pero a súa evolución é constante, e non deixan de abraiarnos coas súas intencións ocultas, as súas dobles lealdades e polo súas abelencias agochadas, pois ata os que semellan máis apocados e inocentes (caso do Mestre Oleiro en A Revolta dos Mestres e especialmente de Curuxa nesta segunda entrega) pódennos sorprender coas súas mostras de poder.

Seguindo co mesmo, outro feito diferencial de A Porta de Annwn con respeito a outras obras de fantasía heróica tradicionais, é que fuxe do maniqueísmo e da simple confrontación entre o Ben e o Mal. Como xa dixen, os personaxes evolucionan, agochan intencións e ás veces cóllennos por sorpresa revelando motivacións e plans que non lles imaxinábamos. 

Porque, a diferenza dos libros baseados na clásica viaxe do heroe, os feitos non se suceden liñalmente como xa dixemos, sendo cada un consecuencia do anterior, e narrados a xeito de probas que o protagonista, neste caso o sofrido Bran, vai superando con éxito ata acadar o seu destino. Non, o camiño de Bran é moito máis complexo e revirado, até o ponto de que o mozo-corvo amósase incapaz de comprender o seu destino, contra o cal se revolve, e de aceptar o papel que se lle reserva nos acontecementos. 

Taragoña desde o Castro Barbudo. Vista espectacular da ría e
fermosa paisaxe galega. Pódense ver Rianxo, Carril e ata Vilagarcía

Este prantexamento do personaxe central como alguén superado polas circunstancias e atormentado polo sufrimento que os seus seres queridos e él mesmo padecen polos terríbeis acontecementos que o rodean, fainos lembrar a outros antiheroes como o albino Elric de Melniboné de Michael Moorcok, e nos da unha idea do ton escuro e crepuscular desta A Porta de Annwn

Porque de certo é oscura, e o autor emprega unha violencia gráfica e moi explícita ás horas de describir mortes, asasinatos ou feridas, aínda que sen entrar no terreo do splatter, co cal segue a ser unha leitura axeitada para o público de máis curta idade. 

Este chanzo máis alto no tebroso ten coma dano colateral que os desafogos cómicos son menores que no primeiro libro (con aqueles trolls zoupóns), malia que agora tende máis cara a retranca, cos mellores momentos de man de O Navegante (de quen falaremos) e do diaño, que mesmo homenaxea ao falar propio do Barbanza, e que non había desentonar no Mundodisco de Terry Pratchett.

Combate entre dragóns, a primeira ilustración
interior do libro, de José Ángel Ares

Na devandita evolución dos personaxes, non compre pasar por alto a Curuxa, a Mestra Carteira que nesta segunda parte ten un papel de peso, e que se converte nunha peza imprescindíbel da trama, amosándose multifacetada e facendo gala de poderes que ignorabamos tivese. Ben se pode ver que é unha das favoritas de Xosé Duncan.

«Case instantáneamente, o seu corpo transformouse, perdendo as súas formas humanas e brotándolle por cada un dos poros as níveas penas da curuxa. A medida que a branca penuxe cubría a engurrada carne da vella, a velocidade da caída freábase pola resistencia que os novos apéndices ofrecían ao aire. O miúdo corpo da muller encolleuse aínda máis até acadar o tamaño dunha enorme curuxa esculpida en neve. O paxaro deu por finalizada a súa transformación batendo con forza as anchas ás e remontando o voo para se afastar do chan contra o que estivera a piques de se esmagar.»

Pola súa banda, o Mestre Reloxeiro terá tamén unha evolución notoria, ainda que no seu caso sería mellor dicir unha metamorfose, e ao seu través Duncan introduce o compoñente steampunk do que tanto gosta, con maior énfase que no primeiro libro, coa presenza dun terríbel barco mecánico movido polo corazón de Cronos (e máis unha fonte de enerxía que non vos vou desvelar) e dun exército de androides que non teñen nada que envexar aos Guerreiros de Xi'an. A transformación do Mestre Reloxeiro é tanto espiritual como física, e por momentos resulta cautivadora pola descripción dos cambios que vai experimentando.

«Varios niveis por encima, na ponte de mando da cuberta superior, o Mestre Reloxeiro levaba un bo anaco de pé a escasos metros do armario de ferro inerte. Ollaba para os antebrazos, desconfiado e temeroso,e observaba o xirar das brillantes rodas dentadas sobre a súa pel coas outras pequenas engrenaxes que eran os seus ollos. Temera que deixaran de funcionar, que a maxia daquelas runas mecánicas se apagara antes de chegar ante aquel enorme moble de metal.»

O mundo onde se desenvolven as aventuras de Bran

Dixen que había falar do Navegante e non me esquecín. O vello corvo que fará de titor de Bran no seu novo papel de Navegante, de encargado de asegurar que o pasamento das ialmas sexa exitoso, de vixiante das portas que unen o mundo dos vivos e do alén (papel que Bran nin desexa nin comprende) pero que non remata de comprender moi ben o funcionamento do complicado trebello que ten que manexar, nin cómo nin porqué funciona, proporciona algúns dos momentos máis divertidos do libro.

E xa que falamos de portas entre mundos, chegamos ao eixo da trama: A Porta de Annwn. Dixen que toda a triloxía de Bran baséase e inspírase nas lendas das nacións celtas, das que Galiza forma parte. Annwn (léase Annun) é, para os antigos galeses e irlandeses o alén, o inframundo, e se pode comparar (máis ou menos) co purgatorio cristián (foi cristianizado coma unha especie de limbo), un lugar onde os mortos chegan carretando co seu bagaxe vital, os seus pecados se lles queremos chamar así, e ao cal os vivos teñen totalmente prohibida a entrada. De impedirlla se encarga un garda, que non vos vou spoilear.

Somentes dicir que os espellos, en especial un, teñen relación directa coa devandita porta, e que alcanzar o limiar da porta e mesmo atravesala será un dos motores e das motivacións para diferentes personaxes, todos polas cadansúas razóns.

"Peirao do Porto Taragoña" ao solpor. Un esceario ben axeitado para unha
historia de fantasía

No referido a esta influencia da mitoloxía e as lendas celtas, Duncan emprega unha adaptación da mesma aos seus propósitos, cunha serie de licencias, e por igual úsanse nomes da mitoloxía grega clásica coma Hermes ou Cronos que outros préstamos como a propia Annwn ou o deus do sol Lugh. O máis salientable é que neste A Porta de Annwn desenvólvese o corpus mitolóxico e historiográfico propio do mundo da Terra de Alba, explicándose a orixe da cidadela de Elawei, da caste dos Forxadores, das sacerdotisas de Hermes (ás cales pertence a Consorte), o nacemento do mundo, os seus deuses maiores e menores, o papel de Donn e da Terra da Nada...

Non podo deixar de salientar tamén o personaxe de Môrrigan, que será o que máis veces nos dea despistado coas súas verdadeiras motivacións e que nos ha reservar unha sorpresa maiúscula para o final do libro. E outro tal pasa con Nash, xa vencellado inseparablemente con Dragón Vermello, cunha presenza moito maior que na primeira parte, onde era cáseque testemuñal, e sendo un dos personaxes máis sofridos do reparto, devorado pola dor de compartir o seu corpo coa ialma do Dragón.

Neixón desde Taragoña
Á dereita pódese ver o pico onde
 fica o castro de Neixón

Nos aspectos formais, salientar un estilo moi vivo, cun dominio da narración que resulta moi cinematográfico, onde as esceas de acción se resolven con claridade, e que leva a unha lectura áxil e cómoda, que non cansa por un exceso de adxectivación, ainda que gosta das descripcións se é preciso, sen facelas demasiado extensas. 

Agocho do raposo, lugar onde a cotío fan os
raposos as súas goridas, e onde se for maior, ben
se poderían agochar tamén unha banda de orcos

Así, os combates transmiten sensación de intensidade. O ritmo xeral é áxil, fluido sen chegar á vertixe, e polas distintas unidades de acción vai alternado momentos de acción con outros máis reflexivos. Eu acheino moi visual, e por intres como a esceas finais ou nas relativas á posta en marcha do barco de Cronos, pensei estar vendo un filme ou lendo unha banda deseñada, e xa estaba a imaxinarme cómo sería unha debuxada por José Ángel Ares. Tendo en conta a súa extensión moderada (326 páxinas contando a novela curta A nena de prata) convírtese nunha lectura moito máis que amena e que non resulta pesada en momento ningún.

"Camiño a Landeiras". Cos eucaliptos que
ateigan as fragas galegas sempre presentes,
vemos as paisaxes da Terra de Alba.

Dentro dos elementos diferenciadores e máis orixinais de esta saga, atopo as runas que os protagonistas levan tatuadas nos antebrazos, e que se iluminan cando estes fan algún conxuro.

Esta idea das runas xa chamara a miña atención en A revolta dos mestres, cando se describe a Bran por vez primeira, e persoalmente penso que pode ser o elemento máis propio deste universo, por vencellarse directamente ademáis coa tradición celta que tan importante é para a saga.

Os últimos de Landeiras, un souto galego,
co seu vizoso chan inzado de castañas,
inspirou o refuxio arbóreo dos cativos
protagonistas do relato así intitulado.

E non podemos rematar a recensión sen facer referencia tanto ás ilustracións interiores de José Ángel Ares, que tendes resumidas na imaxe de arriba, que achega a estética da serie ao cómic, cun grande dominio das perspectivas e que fai un uso maxistral da tinta chinesa, que dota aos debuxos dunha grande expresividade cuxo trazo lembra ao do estadounidense Chris Bachalo, como a portada de Jose María Picón, que xa se encargara da anterior (escollida segunda mellor portada do 2013 na categoría Infantil e Xuvenil pola web Fervenzas Literarias) e que semella máis un traballo de acibechería que de debuxo. 

Como resumo, compre dicir que é unha novela máis que recomendábel, xunto coa súa predecesora, e que é exemplo de cómo a literatura galega e en galego pode reinventarse e contar (e cantar) calquera historia, que non ten limitación de estilos como moitos queren facer crer. Por riba, e pola súa universalidade (agás por algún detalle moi relacionado coa Galiza que se callar non se había entender fora) é perfectamente exportábel e traducíbel, e poñerse á altura doutras sagas de literatura fantástica-xuvenil do panorama editorial. 

E vexamos a tatuaxe que luce Xosé Duncan. Abofé que o corvo é pra él unha
figura chea de simbolismo e significación. 

Datos de interese:

Este volume inclúe unha novela curta (76 páxinas), intitulada A nena de prata, que serve de ponte entre a segunda e a terceira parte da saga (posto que han transcorrer cinco anos entre os feitos dunha e da outra) e que vencella As Crónicas de Bran cos relatos curtos publicados por Duncan na revista pulp Contos Estraños e que xiran en torno a Bran e un vello heraldo da morte alcumado O Solla:

- O Ollo do Corvo (Contos Estraños nº 0), un conto coa mellor inspiración de Poe, de corte claramente gótico-romántico: Un personaxe atormentado e posto ao límite da súa cordura pola presenza dun corvo que cada noite visita a súa casa, procura a axuda de O Solla, un vello mariñeiro que viviu unha experiencia similar. Cun desenlace inesperado e moi Creepy, supón a primeira aparición de Bran, xa como corvo.

- As bágoas de Neixón (Contos Estraños nº 1) é unha homenaxe a H.P. Lovecraft (todo o número está adicado ao xenio de Providence) e conta unha historia de cultos arcanos, na que dous estudantes da Universidade de Santiago acoden ao castro de Neixón para facer un traballo de estudos. Crea unha ambientación terrorífica, inclúe a presencia do propio autor, que é citado polos protagonistas, e conta coa aparición novamente de O Solla e de Bran. 

Ámbolos dous relatos están ubicados no noso mundo e na nosa liña temporal, e ambientados na Barbanza natal do autor, sendo Taragoña a súa vila, e Neixón e Castro Barbudo lugares que fican preto dela. 

"A gamela do Solla", as pequenas embarcacións de pesca tradicionais,
presentes tanto en "A porta de Annw" coma nos relatos do Solla

- Os últimos de Landeiras (Contos Estraños nº 2), en liña coa temática de dito número (A fantasía heróica), conta a loita pola supervivencia dun grupo de cativos da aldea de Landeiras, arrasada por un exército de orcos, que agora se agochan no bosque mortos de fame. Inclúe un pequeno mapa. Aínda que non pertence oficialmente a As Crónicas de Bran (aparece un elfo, ser que -polo de agora- non ten papel na saga) entronca con elas en canto Landeiras aparecerá co mesmo nome e as mesmas características en A revolta dos mestres e o comandante dos orcos dí nun momento do relato que se suben á serra «serán visíbeis para os seus dirixíbeis». Non se especifica a liña temporal na que transcorre, pero sabemos que é na Barbanza pois así se dí expresamente no texto. Por outra parte, Landeiras é un topónimo real, o de unha aldea da devandita península barbanzana.

A Barbanza [fonte: Wikipedia]

A nena de prata pódese considerar unha precuela dos devanditos relatos, pois narra cómo O Solla toma contacto con Bran e cómo e porqué acada a súa condición escura e tebrosa. Conxuga ademáis o eterno mito de Fausto cun tema apaixoante: a bagaxe do pasado celta galego (como o megalitismo) e do seu paganismo animista, e cómo foi sumido no cristianismo, a través do cal pervive (as romarías, as peticións de fertilidade, as camas de pedra ou camas de santo, as virxes escuras como a de Guadalupe -a Moreniña- de Rianxo, a Santa Compaña...). Por certo, o autor volve aparecer, e nun momento da novela sinte cantar unha voz de rapariga dende o castro de Neixón, laiándose polo seu pai perdido, nunha clara referencia ao relato As bágoas de Neixón, cuxos protagonistas son citados tamén.

Acho que esta conexión entre mundos, entre dimensións distintas (a nosa e a de A Terra de Alba) a través das figuras de Bran e de O Solla, amosan que o autor xa tiña artellada na súa mente o papel de Bran coma ponte entre os dous universos, o que ubica a As Crónicas de Bran no camiño de clásicos como o Conan de Robert E. Howard (e sucesores), os Fafhrd and the Gray Mouser de Fritz Leiber ou o campión eterno do multiverso de Michael Moorcock (nas súas catro encarnacións: Elric-Corum-Dorian Hawkmoon-Erekosë), todos os cales nalgún intre das súas aventuras tiveron contacto co noso mundo ou escoitaron falar del).

De calquera xeito, se esta recensión se vos fai incompleta e precisades máis información, podedes tela de primeira man, pois Xosé Duncan e a xente de Contos Estraños andan a apresentar o libro por toda a xeografía galega, e como xa cedo escomeza a tempada de Feiras do Libro, de seguro habedes ter oportunidade de velo e despexar todas as vosas dúbidas sobre Bran e o seu mundo. 

Compártelo:

2 comentarios:

  1. Espectacular Tomás! Só podo dicir, GRAZAS!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Nada, grazas a tí. Agardo que de hoxe nun ano esteamos a falar da terceira entrega da saga!

      Eliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes