29 de agosto de 2013

O enigma dos nove sepulcros - María Acosta

Un sumidoiro na Cidade Vella de A Coruña é a entrada ao fantástico mundo de Gapsiq. Unha vez nel, o mozo sen nome, coa compaña do seu amigo Brains, haberá de o descubrir namentres o percorre vivindo unha morea de aventuras, coñecendo aos seus estraños habitantes e superando proba tras proba e misterio tras misterio para atopar a resposta ao enigma dos nove sepulcros.


Publicada en 2012, O Enigma dos nove sepulcros é obra de María Acosta Díaz. Escritora coruñesa autora de varias novelas e relatos, socióloga, antropóloga social e máis estudante incansábel de italiano e outras materias.

É unha novela de Fantasía e Aventuras, axeitada para tódolos públicos, cun prantexamento de enorme orixinalidade e inzada de referencias literarias e mitolóxicas. 

O máis rechamante de O enigma dos nove sepulcros é que representa a forma máis esencial e pura da Fantasía. Acosta crea un mundo enteiro onde todo está permitido, pois non está cinguido ás limitacións das leis naturais nin aínda ás da lóxica. É un exercizo de inventiva total, e a súa leitura non deixa de abraiarnos con cada nova situación e cada novo personaxe que os protagonistas vánse atopando. Éstes poden padecer transformación físicas e tornar ao seu aspecto orixinal, mudar de tamaño, valerse de obxectos máxicos... Se tiveramos que buscar un referente, sen dúbida tería de ser o grande clásico Alicia no país das marabillas. E coma tal, non podemos catalogar a obra estritamente coma xuvenil pois, coma a inmortal historia de Carroll, está dirixida a tódolos lectores. 

A novela está prantexada coma unha sucesión de encontros e probas aos que os protagonistas, o mozo sen nome procedente do noso mundo e Brains, o seu compañeiro nativo de Gapsiq, terán de ir facendo fronte. É, en resumo, unha viaxe iniciática na que ámbolos dous procuran a solución ao enigma dos nove sepulcros pero que en realidade supón un rito de pasaxe. Comeza de feito cunha cerimonia de iniciación cun carácter certamente místico. As devanditas probas, prantexadas polos senlleiros seres que a parella vai atopando (dragóns, fadas, unicornios, caveiras máxicas, ananos...) constan de adiviñas, poesías, probas de enxeño e deducción, xogos e cancións infantís...  deste xeito, os heroes han de triunfar pola súa intelixencia e pola súa forza de vontade, non pola súa forza física. 

María Acosta.  autor: Juan Varela

Isto lévanos a un aspecto do libro que quero salientar polo moito que gostei del: O seu carácter non violento. Hai esceas de acción e de combates, é certo, pero é violencia de videoxogo, agás nun caso concreto non transmite dor nin sofremento, de cotío son loitas contra monstros ou seres malignos. Mesmo un certo conflito armado nunha pasaxe da obra resólvese de xeito lene e tanxencial.

Así pois, o transcurso da historia é totalmente impredecíbel. Cada nova situación é tan ocorrente coma a anterior. A imaxinación de Acosta semella non ter fin e a sucesión de secundarios e divertidísima. O meu favorito sen dúbida é Gambleidd, o oso que viste coma mosqueteiro, vive nunha casa xigantesca, gosta das brincadeiras e fala en verso. 

Todo este caudal de imaxinación ten os seus alicerces chantados con forza en elementos culturais como a mitoloxía clásica, as lendas tradicionais e os contos de fadas, polo que poderiamos dicir que é unha obra metaliteraria, pois está referenciada á propia literatura e ás veces é unha auténtica homenaxe a estas fontes de tradición oral. Atopamos fadas, ananos, trolls, unicornios, animais parlantes... o que os amadores da Fantasía estamos tan afeitos e que teñen na obra de Acosta cadaquén o seu papel e o seu protagonismo. 

Non podemos esquecer que a autora amosa en moitas pasaxes da súa novela unha retranca moi galega, un sentido do humor moi irónico, que transmiten tanto os protagonistas coma os secundarios, que nalgún intre mesmo provocan gargalladas. 

Dicir que a extensión de catrocentas corenta e dúas páxinas pode semellar ampla dabondo, pero que grazas ao estilo áxil e ameno de Acosta, pásanse ben axiña e que converten O enigma dos noves sepulcros nunha leitura cómoda e agradábel que se disfruta nun par de tardes.

Para remataren, sinalar que o libro inclúe grabados e fotografías dos diferentes lugares que van aparecendo na historia, pois a autora inspírase en elementos naturais e arquitectónicos para as súas invencións, e así unha formación rochosa convértese na entrada a un castelo ou unha árbore nun ser encantado, se se ollan da forma axeitada.

Compártelo:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes