5 de agosto de 2013

Galiza Mutante, Poder Nuclear! - Tomás González Ahola

Miles de estacións teñen pasado dende que O Froilán baixou dos ceus e rematou coa decadente civilización da Xente Vella. Cmph'sthulhu, a cidade dos Sete Círculos, gobernada polos Sete Bispos Mutantes, érguese no centro dunha vizosa terra que vai dende os infranqueábeis montes Áncaros ata o Mar da Fin do Mundo. Catro mutantes han chegar ata ela na procura do seu Destino, atopando namentres aventuras, perigos e misterios que se remontan ata os tempos do Grande Caos.


Publicada en 2013, Galiza Mutante, poder nuclear! e obra de Tomás González Ahola. Escritor, tradutor, fundador da Editorial Urco, artífice do selo Alcaián e do proxecto Contos Estranos, e socio creador da cooperativa gráfica Sacauntos.

É unha distopía futurista, ambientada nunha Galiza post-apocalíptica, que contén tanto elementos da Ciencia-Ficción punk coma da Fantasía, pero cunha visión fortemente satírica e humorística.

Galiza Mutante, poder nuclear! é a primeira novela de Tomás González Aholaque lle serve para desenvolver un universo que ben poidera acoller no futuro máis andainas destes ou doutros personaxes polo ben artellado que está.

O primeiro a salientar é que a obra poderíase clasificar coma unha mistura de Fantasía e de Ciencia-Ficción post-apocalíptica, pero ten un aquel que vai máis aló: Unha visión satírica da sociedade e da cultura galegas, e do xeito de sermos dos galegos, todo con grandes doses de retranca e un humor negro que alomenos a mín me teñen feito esmendrellar do riso nalgúns intres.

É que Galiza Mutante poder nuclear!, xa comezando polo propio título, é unha novela delirante, excesiva, áceda, coas tintas moi cargadas nese compoñente retranqueiro que permite ao autor facer que a crítica social e política sexan parte da obra e que os personaxes dese mundo post-nuclear non sexan maila todo tan diferentes dos galegos de hoxe en día. Compre dicir que González Ahola manexa un humor moi noso, se callar difícil de extrapolar e de explicar a alguén que non sexa galego.

O universo onde se ambienta a historia resulta orixinal e suxerente: Miles de anos despois dunha choiva radioactiva coñecida como O Froilán (Ou Fallou, curiosa deformación de Fallout), que rematou coa Xente Vella e os seus avanzados coñecementos, a vida agroma de novo nunha Galiza habitada por mutantes, e en cuxo centro se ergue a cidade de Cmph'sthulhu, composta de sete círculos divididos por murallas, e cunha complexa organización social. No centro atópase o templo dende onde a gobernan os lonxevos Sete Bispos Mutantes, descendentes do Préscilo, fundador da cidade e pai deste novo mundo.

Aínda que a novela é coral e o peso da trama fica repartida entre numerosos personaxes, os protagonistas principais veñen sendo catro mutantes demenciais: O Pastor é un gandeiro das terras ao sur do río Mi, que sente de súpeto a irrefreábel e inexplicábel necesidade de camiñar ata Cmph'sthulhu; Costenla é un Canghés, un home-peixe que fala con gheada e seseo explosivo e que ten un medo atroz ás ghavotas; Holifoz é unha mociña acomodada do nordés que sempre anda aos biosbardos e que marcha da casa por mor dos seus pais, e Rocho é un habitante dos montes Áncaros que ten a necesidade de chantar os pés na terra varias veces ao día. A través deles e das súas historias persoais habemos coñecer moito do seu mundo, que aínda se asemella ao noso, pero cos seus elementos levados ao paroxismo e ao delirio absolutos, sendo que se voltan tan divertidos que máis dunha vez tiven que deixar o libro pra escachar co riso a gusto.


Como o obxectivo desta reseña non é arruinarlle ao autor as súas abondosas mostras de inxenio, somentes cómpre dicir que tanto os estereotipos dos diferentes lugares da Galiza (grandísimos os lacorunenos) como os elementos cotiáns do noso xeito de ser, da nosa sociedade e a nosa cultura (andar cos marcos, a praga de eucaliptos, o feismo que non nos abandona nin pra aquela, o caos urbanístico, a forte raigame á terra e ao pobo de cada un) son obxecto da óptica irónica e retranqueira de Tomás González, e acadan a complicidade do lector, co cal fan deste Galiza Mutante poder popular! unha lectura divertidísima e moi amena. Un xogo inconsciente ao que nos atopamos a xogar é tentar recoñecer os escearios, lugares e construccións que aparecen na novela, e a atoparlle correspondencia aos nomes de lugares e personaxes, todos deformación de termos actuais, como Xacho-veu ou o parque de Bon Nadal.

No que refire á trama en si, é coma dixemos un equilibrio de fantasía, deténdose abondo na descripción do mundo, nun estilo que acho moi influido por Terry Pratchett e o seu Mundodisco, que de feito aparece citado nalgún momento, e a Ciencia-Ficción punk de carácter distópico, pois descrebe un mundo botado a perder pola radioactividade e onde a poboación sofreu fortes mutacións, e ten de desenvolver unha nova civilización sobre as ruínas da anterior, cuxa tecnoloxía e cultura se teñen perdido. A influencia de H.P. Lovecraft trasluce tamén tanto nos nomes (coma a propia Cmph'sthulhu) coma noutros detalles, especialmente Costenla e o resto dos cangheses, que semellan unha derivación humorística dos Profundos (mesmo adoran a uns pai Dagón e nai Hidra algo retortos tamén).

Nesta trama ten moito peso específico a relixión, que ven encher o oco deixado pola tecnoloxía, e resulta curioso como todo se atribúe a orixes divinas por non ter outra explicación nin rexistros escritos. Así, a choiva radioactiva que alagou o mundo será O Froilán, o santo vingador que baixou do ceu, ou veremos a cuasi-divinización dun persoeiro vencellado á nosa historia recente (a moitos anos de ela en realidade) que reaparece aquí como obxecto de culto, facendo realidade o pesadelo de moitos de nós.

É, en resumo, unha obra de grande interese polo seu prantexamento atípico e orixinal, distinto por completo a outros libros deste tipo, e que xa somentes polo seu humor delirante e desquiciado xa paga a pena, e que penso asenta os alicerces para ambientar novas historias se o autor se anima, porque esta Galiza post-froilán ben o merece.

Compártelo:

3 comentarios:

  1. Marabillosa e curradísima reseña, coma sempre. Vémonos o Sábado!

    ResponderEliminar
  2. Magnífica reseña! Fico agradecidísimo, e vémosnos o sábado na cidade dos lacorunenos :)

    ResponderEliminar
  3. Grazas polos vosos comentarsos, alédame saber que gostástedes da reseña. Vémonos na Feira!

    ResponderEliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes