17 de mayo de 2013

As crónicas de Bran vol. 1: A revolta dos mestres - Xosé Duncan

A vida transcorre tranquila na dourada cidadela de Elawei, no cumio da Montaña Sagrada. Bran é o lexítimo herdeiro da linaxe dos Grandes Forxadores, que protexen e gobernan Elawei dende tempos inmemoriais, tras afastar co seu nacimento a Nash, que esmorece nas minas. Pero o pacto dos Mestres gremiais e do terríbel Lord Daru impediralle acadar o seu destino e empurrarao a unha intriga chea de traizóns que poñerá en perigo o futuro de todo o seu mundo.



Publicada en 2013, As crónicas de Bran vol. 1: A revolta dos mestres é obra de  Xosé Duncan, escritor que xa publicou relatos curtos de terror e fantasía e apresenta eiquí a súa primeira novela, e Kaiser Wilhem, tamén coñecido como Carlos Calviño, ilustrador.

É unha historia de fantasía épicaaventuras e acción, que transcorre nun universo de fantasía e maxia inspirado no mundo celta, e destiñada a un público xuvenil e de xóvenes adultos.

É o ponto de partida dunha saga literaria, a de As Crónicas de Bran, e serve coma presentación do universo no cal está ambientada e dos personaxes principais da mesma.

A historia en sí trata o eterno tema da loita entre o Ben e o Mal, así coma a viaxe iniciática, neste caso a de Bran, que tantas veces temos visto noutros libros. Bran é, ao comezo da obra, novo e inexperto, sen apenas experiencia vital, aínda que adiviñamos o seu potencial no uso da maxia e os seus poderes coma Forxador. Porén, nesta obra, e a diferencia do acostumado, a historia non vai estar centrada no desenvolvemento persoal de Bran, pois o seu papel nos acontecementos ficará lonxe de ser central e determinante. De feito veremos que non é un heroe, e xa non comeza a súa andaina con demasiado éxito, pois fracasa na súa proba de maioria de idade, na que terá que enfrentar un dragón .


Xosé Duncan
ascronicasdebran.blogaliza.org

A devandita loita entre Ben e Mal irá in crescendo no transcorrer da novela, que se ben non é violenta nin morbosa, sí contén algunha escea truculenta, pero son minoría. Salientamos que non hai violencia de balde, sen sentido, senón que todo está xustificado polo argumento da obra. A acción non se vai a deter apenas ao longo de todo o libro, e as súas duascentas corenta e unha páxinas non van ser abondo pra contela toda, e ficaremos con ansia de ainda máis. Se ben hai capítulos que transcorren máis de vagar, o ritmo xeral da historia é alto e non imos caer no aburrimento.

Estamos ante unha novela escrita nunha linguaxe sinxela, sen alambicar, moi áxil, que contribúe a unha leitura rápida e doada. As esceas de acción están resoltas con moito oficio, empregando verbos de movemento abondo e descripcións curtas para non deter o ritmo trepidante dos acontecementos. Ditas descripcións son máis xenerosas no que refire aos escearios e as paisaxes, namentres que para os personaxes céntranse en rasgos xerais (gordo, alto, melena, barba) suficientes para conceptualizar a fisonomía sen chegar ao detalle. Así, saberemos que Bran ten o cabelo longo e loiro, a pel pálida e runas tatuadas nos antebrazos, pero pouco máis.

Falemos da profunda raigame céltica da obra, que é unha das cousas que fornecen a singularidade de As Crónicas de Bran e a distinguen de outras sagas de fantasía épica. O universo de Xosé Duncan inspírase no folclore, lendas, mitoloxía e relixión das nazóns celtas coma Galicia ou Irlanda. Atopamos unha serie de elementos vencellados a ésta  que compre salientar:

O universo de Bran é profundamente animista. A maxia que ateiga este mundo consiste na manipulación da Natureza e dos seus catro elementos clásicos: a terra (e as pedras), o lume (e a lava subterránea), o auga e o ar (e os paxaros). As runas, compoñente de poder máxico e de coñecementos, aparecen tatuadas nos antebrazos dos diferentes personaxes, e alumean cando estes levan a cabo os seus esconxuros. Encantamentos, sortilexios e fórmulas máxicas exprésanse en galés (traducidas ao galego a pé de páxina) o cal contribúe ainda máis á inspiración celta do texto.

Igualmente o mundo no que se desenvolve a historia de Bran, lémbranos endeseguida á paisaxe propia de Galicia, con verdes vales e montes, ríos, vizosos bosques e a presenza do grande Mar. O autor recoñece terse inspirado na súa Barbanza natal pra construir o seu particular universo.

O pobo habitante da Terra de Alba serán os pictos, nome que recibían os antigos escoceses, e que levarán no libro un modo de vida moi semellante ao dos antiguos celtas, a denominada en Galicia cultura castrexa.

Nesta liña de fantasía épica, non faltan dragóns, un divertidísimo trasno irlandés, fadas e máis trolls. Estes últimos terán una intervención curta pero trascendente e servirán á vez de donaire. O temíbel exército da Terra da Nada, capiteado polos irmáns Lord Daru e Lord Aaru, está composto por orcos e tamén por demos, e contarán non só coas súas espadas encantadas, senón tamén cunha frota de cepelines dende os cales bombardear as posicións inimigas.

A novela ten a peculiaridade de dar cáseque máis protagonismo aos personaxes secundarios que a o propio Bran, desembocando nunha obra coral. Algúns personaxes terán o seu aliñamento claro dende un principio, namentres que outros, coma os Mestres, farannos dubidar sobre as súas verdadeiras motivacións, lealtades e afiliciacións. A figura máis dual do libro e, para nós, Môrrigan, o Mestre Alquimista, que representa o Druida celta, e móvese igual entre os pictos que entre os cidadáns de Elawei. Os Mestres serán unha fonte de sorpresas, pois cando aparezan ao principio do libro farémonos unha imaxe de eles que nada ten que ver cos seus verdadeiros poderes coma iremos vendo ao longo da obra.

Nesta novela coral, de personaxes, a nómina é ampla abondo. Bran, O Grande Forxador, a consorte, Nash, os cinco Mestres (a Señorita Curuxa, os irmáns Oleiro e Ferreiro, o Reloxeiro e Môrrigan o Alquimista), os pictos Dagba e Eidlynn, a moza brava e valente que lle ha tirar as castañas do lume a Bran máis dunha vez e da que él non poderá senón namorar; os viláns Donn, Lord Daru e Lord Aaru... darían para unha entrada propia por sí mesmos.

O desenvolvemento da trama non é previsíbel, e vemos como as liñas argumentais que de entrada semellaban principais, como a de Nash posto no sitio de Bran polos Mestres, ou o posíbel enfrentamente entre eles, pasan cedo a ser secundarias, tendo Nash un papel menor no texto, se ben contamos con que a súa historia continúe e medre na segunda entrega da saga, pois deixa aberta una proposta moi suxerente, a de Nash unido ao Dragón Vermello pola maxia do Mestre Negro.

Kaiser Wilhem
ascronicasdebran.blogaliza.org

Nunha historia de confrontacións, achamos moitos contrastes, como por unha banda divinidades celtas coma Lugh, adoradas polos pictos, e pola outra as divinidades gregas ás que adoran os Mestres Gremiais (Hermes, a carteira; Cronos, o reloxeiro). Do mesmo xeito, confróntanse tamén a vida na seguridade de Elawei, fora do ritmo natural do mundo, sempre intramuros, en cuartos e corredores escavados na montaña, alumeados polos prismas de luz sen os cales ficarían ás escuras, fronte á vida fora da cidadela, ao ar libre, que Bran descubrirá cando comece a súa viaxe, reprantexándose por completo a existencia que levou ata entón. Neste orde de cousas, atopámonos cunha cidadela onde a vida é artificiosa, cunha sociedade ordeada de xeito estamental, sustentada nos mineiros, que arrincan da montaña o ouro que reveste os muros da cidade á que non poden acceder, despois nos traballadores (artesáns, labregos, gandeiros) para rematar nunha masa desocupada de cortesáns, adicados ao lecer e totalmente improductivos para a cidade. Namentres, a vida dos pictos é máis sinxela e pura, traballando arreo por igual todos os membros da comunidade, nunha sociedade máis igualitaria.

Por último, no que respeita ás ilustracións de Kaiser Wilhem, dispoñemos de unha por cada capítulo, a páxina completa, ubicadas en folla par, de xeito que non habémolas atopar senón ao virar a folla. Ademais están as letras capitais de cada capítulo, nas que paga a pena deterse porque son un auténtico traballo de miniatura e descreben os feitos que acaecerán no seu capítulo correspondente.


Parágrafos:

A apresentación de Bran:

«Chantado no centro da enorme sala, o mozo estendía os brazos apuntando cos dedos a cada uno dos extremos do cuarto. A man esquerda sinalaba o punto por onde xurdira o sol non había moito e a dereita trazaba pequenos círculos, animando o astro no seu camiño até o solpor. Ondeaba, suave e elegantemente, as amplas mangas da súa camisa azulada coma se quixese atrapar os ventos da mañá debaixo do poroso tecido. Baixou a cabeza e, recitando nun murmurio as antigas palabras , reclamou o poder dos seus antepasados cunha timidez case reverencial. Deixou durante uns instantes que a súa longa cabeleira reflectise os nacentes raios do sol e que brillase como un campo de trigo. Subiu o volume da pregaria e, respondendo á súa chamada, unha ducia de bolboretas emerxeron da nada e voaron arredor dos seus brazos. As intensas ás azuis desprendían diminutas chispas que desfacían, a cada fulgor, un anaco de fina membrana que as formaba. Canto máis se consumían as ás, máis frenético era o voo das bolboretas que xa pousaban as finas patas sobre a pálida pel de Bran ao non se poderen manter no ar. As runas que o mozo tiña tatuadas nos antebrazos reaxiron ao contacto dos insectos e comezaron as brillar con intensidade [...]»


Bran descobre o mundo exterior e nós temos unha descripción da Montaña Sagrada:


«[...]Descansando baixo os raios do sol, co lombo apoiado na columna de madeira do embarcadoiro. Parecíalle incríbel que pasara toda a súa vida recluído no interior do Palacio Áureo. [...]

A súa mente deixouse levar polo rular do río e repasou mentalmente o día e medio que lles levara descender a Montaña Sagrada. Imaxe a imaxe, pasaron ante él o instante en que cruzaron o Anel de Pedra, as amoreadas vivendas dos artesáns, os estreitos furados das casas dos mineiros e, por baixo de todos eles, a inmensa cortina de auga das Tres Fervenzas. A vista da impoñente muralla líquida facía pensar que, alén dela, non podía haber nada; que se alguén se atrevía a cruzala, aparecería no baleiro máis absoluto e o  ousado viaxeiro sería engulido polas néboas eternas. Porén, había vida despois das fervenzas e non fixo falta a maxia de Môrrigan para as atravesar [...]»


Datos de interese:

Dixemos que a iniciativa que supón a publicación desta obra abraiounos, e isto é debido a que ve a luz polo esforzo da pequena editorial Contos Estraños, responsabeis da publicación trimestral homónima, con relatos curtos de terror, ciencia-ficción e fantástico. (Unha entrevista con eles en Fantasymundo), e é unha obra cáseque de artesanía, pois xestionan o produto íntegro: Edición, deseño, maquetación, impresión... apostando por xéneros minoritarios e inda por riba en galego, o cal xa é, de entrada, dunha valentía e dun mérito enormes.

Compre visitar o blogue do libro, pois contén moita información sobre o universo de Bran e os seus personaxes, galería de imaxes, notas de imprensa e datos sobre a promoción e presentación do libro.

Tamén están disponibels os perfís de Facebook do libro e da editorial , e máis o blogue do autor, onde ademais de ter información sobre os seus traballos, pódese  descarregar de xeito libre e de balde esta escolma de relatos de diferentes autores, Sombras do Berce.

Fican morea de preguntas que nos deixou esta primeira entrega das Crónicas de Bran: ¿Qué vai ocorrer con Bran? ¿E con Eidlynn? ¿Quén é o Mestre Negro? ¿Cal é o verdadeiro aliñamento de Môrrigan? ¿Qué vai pasar en Elawei? ¿Qué trama o Mestre reloxeiro? ¿Voltaremos ver a Lord Daru? ¿É Nash somentes un home de palla? Por sorte Xosé Duncan confirmounos aos asistentes da citada apresentación do libro que o segundo volume xa está escrito e na fase de corrección, co cal xa é somentes cousa de agardar (ansiosamente) a que se publique e resolver todas as nosas dúbidas.

Xosé Duncan fainos o honor de asinar o exemplar de KindleGarten de A revolta dos mestres
fonte: https://www.facebook.com/AsCronicasdeBran

OUTROS LIBROS DE XOSÉ DUNCAN EN KINDLEGARTEN:


- As crónicas de Bran vol.2: A porta de Annwn

- Hostal Norte


Compártelo:

2 comentarios:

  1. Non podo dicir máis que "un milleiro de grazas", amigos. Esta reseña vosa é realmente especial para nós xa que, por unha banda, é a primeira que nos fan e, ademais, non podería imaxinar un xeito mellor nin máis completo de sintetizar o contido desta primeira parte. É, tamén, realmente gratificante comprobar que o obxectivo principal da novela está logrado, que teñas gozado da historia e das súas personaxes, ás que puxen un especial esforzo en dotalas de espírito e alma propia que transcenderan máis alá das páxinas do libro (e si, como falamos onte, na segunda parte rematan as ambiguedades e coñécese claramente a motivación de cada un dos actores deste drama...algúns antes ca outros que arrastran o seu misterio case até o final).

    Novamente, moitas grazas por asistir onte á presentación en Monte Alto e, por suposto, seguimos en contacto e léndonos. Sigue adiante con este marabilloso espazo que tés aquí e que enches deste xeito tan máxico. Unha grande aperta!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. É un pracer e un privilexio terte neste blogue Xosé, e unha satisfacción ver que a resposta do público á publicación da reseña foi moi boa e tivo unha ampla acollida ata o momento, que agardamos continúe. Supón unha alegría persoal axudar a difundir unha obra que ven de nos cautivar. Foi unha sorte poder ir onte á presentación e así completar a información sobre o libro e o seu proceso editorial. Abofé que o día que se publique a continuación, habémola reseñar tamén. Ata entón seguimos en contacto e ficamos dispoñíbeis para o que precises. Unha aperta moi grande!

      Eliminar

Y tú, ¿Qué opinas?

SUSCRIBIRSE POR CORREO

Recibe las actualizaciones en tu e-mail

Archivo

Seguir en las redes